O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte acaba de premiar de novo ao Programa de Animación á Lectura posto en marcha pola Rede de Bibliotecas Municipais do concello de Sanxexo, en colaboración co departamento de Animación Sociocultural.
Trátase do décimoquinto ano que este plan local é galardoado no certame de ámbito nacional “María Moliner”, dirixido ás bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes e que distingue as mellores accións de dinamización e as actividades que promovan a lectura, tanto entre nenos e mozos como tamén entre outros colectivos sociais.
“A terra dous contos” é o nome do proxecto distinguido e que supoñerá a incorporación aos fondos da Rede de Bibliotecas dun lote de integrado por 180 libros, fundamentalmente de temática infantil e xuvenil, aínda que este ano tamén se inclúen ficción e ensaio para adultos, así como subscricións anuais a revistas de ámbito cultural.
A Rede Municipal de Bibliotecas que conta con instalacións nas vilas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga (pechada provisionalmente), suma 111 postos de lectura para adultos e 55 para nenos. Con esta nova achega os fondos da rede achéganse aos 40.000 volumes dos que se poden beneficiar todos os usuarios.
As distintas actividades incluídas no Programa de Animación á Lectura, como son Animación nos centros de ensino, Sábados lectores, Coñece a túa biblioteca ou Contos de Nadal, están plenamente consolidadas entre os nenos de Sanxenxo que cada ano participan nestas accións, que introducen en cada edición novas propostas que permitan chegar a máis persoas e estender a dinamización da lectura, formando e fomentando futuros lectores.



