A cuarta edición do Duatlón Cross xa está cada vez máis preto. A recoñecida cita deportiva organizada pola Asociación Herminio Barreiro, Náutico o Muíño e Concello de Ribadumia, celebrarase este domingo 6 de decembro no entorno de Cabanelas e a organización do evento xa rematou esta semana os preparativos para que un ano máis a proba sexa todo un éxito.
Nesta ocasión a proba tiña o tope de participantes nas 180 inscricións, cifra record acadada na edición anterior, e a pesar de que as predicións eran este ano menores, a reputación e calidade da proba conseguiu que os deportistas se animaran e se completara ese tope de inscricións. Isto demostra que a pesar da súa xuventude (este é o cuarto ano que se celebra), os datos xa permiten apreciar que esta proba está consolidada como un evento deportivo de referencia en toda Galicia.
En canto ás características técnicas, a proba constará de 5 km de carreira – cross, 18 km de BTT e outros 2,5 km de carreira. O circuíto BTT combinará partes técnicas con tramos de carreira rápida e, grazas ó sistema de cronometraxe por chip empregado, os participantes poderán coñecer os resultados individualizados do tempo total no que completaron a proba e tempos desglosados da carreira, nos diferentes tramos, e mesmo dos tempos de transición.
Ademais da parte técnica, a proba ten como engadinte as espectaculares paisaxes que a ribeira do rio Umia ó seu paso por Ribadumia ofrecen, algo que a converte nun gran atractivo non só para os participantes, senón tamén para os veciños e visitantes que se acheguen a disfrutar do evento. Non en van parte da proba transcorre polo paseo fluvial que une a ponte medieval de pontearnelas con barrantes, e que logo enlaza coa ruta da Pedra e da Auga que leva ata o mosteiro de Armenteira.
Ademais, coma en edicións anteriores, a proba contará con premios económicos por valor de 1300€ e ofrecerase avituallamento para todos os participantes ó remate da proba, que a ademais da habitual botella de auga, ofrecerá rosca e chocolate quente. Na entrega de premios, prevista para as 13:00 horas estarán presentes, ademais de membros da organización e algúns dos patrocinadores mais importantes da proba, imprescindibles para poder sacala adiante, representantes do Concello e da Deputación de Pontevedra, que este ano tamén apostou por apoiar este evento.
Por todo iso, dende o Concello de Ribadumia confiamos en que o desenvolvemento da proba vai ser todo un éxito e convidamos a veciños e visitantes a que se acheguen este domingo ó entorno de Cabanelas para gozar coa espectacularidade da proba e das fermosas paisaxes que ofrece a zona.




