spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO impacto do cambio climático no sector vitivinícola da provincia de Pontevedra...

O impacto do cambio climático no sector vitivinícola da provincia de Pontevedra a estudo

impacto-do-cambio-climatico-no-sector-vitivinicola-da-provincia-de-pontevedra-a-estudoA Deputación de Pontevedra asina un convenio coa Fedración Galega de Medio Ambiente para estudar o impacto do cambio climático no sector vitivinícola da provincia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Medio Ambiente, Juan González, asinou esta mañá con Juan Miguel Acuña, secretario xeral da Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) un convenio de colaboración por valor de 36.000 euros para realizar un estudo, difundir información e asesorar sobre o impacto do cambio climático no sector vitivinícola da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva destacou que o sector primario é un sector fundamental para a provincia e que “somos moi conscientes de que o cambio climático está a afectar xa en grande medida ao sector vitivinícola, desde o punto de vista ambiental, pero tamén social e económico”. Sobre este sector, Silva puxo en valor a importancia que ten para o desenvolvemento económico da provincia xa que “contamos con 184 bodegas que xeran 7.600 empregos directos estables e 5.200 de carácter eventual, o que supón o 7% dos empregos directos nos concellos nos que se asenta a DO Rías Baixas que se eleva ao 12% en épocas de vendima sendo especialmente incidente no Val do Salnés, onde se concentra máis do 60% da produción anual de uva e o 70% das bodegas da denominación”.

Segundo asegurou a presidenta da Deputación, “o clima é un factor determinante da calidade da colleita e da produtividade do viñedo e por iso precisamos analizar as variacións nas condicións climáticas para poder impulsar estratexias e procesos que eviten ao máximo posible as consecuencias sobre as nosas vides, mais tendo en conta que vivimos nun mercado cada vez máis globalizado e demandante de calidade”. Neste contexto, o convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e FEGAMA pretende “realizar unha diagnose da situación do sector vitivinícola na provincia, determinando os factores climáticos que afectan á viticultura”, informou Carmela Silva.

Máis polo miúdo, e tal e como adiantou a presidenta provincial, a través do convenio vaise realizar un traballo de campo mediante mecanismos de participación de profesionais, produtores e expertos do sector, así como definir estratexias de adaptación ao cambio climático na viticultura e organizar tres xornadas técnicas informativas nos concellos de Cambados, Meaño e As Neves, onde ás persoas asistentes se lles entregará un manual coas conclusións obtidas do estudo e trípticos informativos. Amais, tamén vai prestar un servizo de asesoramento mixto, é dicir, presencial ou a distancia, onde se informará ás persoas interesadas das medidas de adaptación e mitigación a implantar para facer fronte ao cambio climático no sector.

Pola súa banda, o secretario xeral de FEGAMA, Juan Miguel Acuña, destacou a importancia deste convenio “para crear unha ferramenta que aporte coñecemento en canto ao impacto do cambio climático no sector vitivinícola e poida servir para a toma de decisións relacionadas co mesmo”.

- Publicidade -spot_img