O Instituto de Estudos Miñorans pechou o ciclo ‘Co mar de fondo’ co faladoiro de Xoaquin Cadilla “ O Balueiro” sobre a Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira guardesa.
O acto foi presentado por Xosé Lois Vilar, vicedirector do IEM, no que Xaquin Cadilla e patrón de pesca, poeta, presidente de Orpagu e da asociación O Piueiro, explicou con detalle os pormenores do traballo que están a facer a prol da recuperación do patrimonio etnográfico da cultura mariñeira da Guarda. Neste caso falou sobre talasonimia, os nomes do mar, as pedras, os pesqueiros e toda a toponimia costeira e as historias de vida de mariñeiros e xentes ligadas ó mar.
O PIUEIRO
Recuperaron o voanteiro que leva o nome da asociación, embarcación tradicional desaparecida dos peiraos, e que grazas ao traballo dun fato de mariñeiros xubilados e a punto de xubilarse, xunto con outras persoas que se sumaron a seu devezo, conseguiron botar ó mar esa embarcación tradicional e dala a coñecer ás novas xeracións, con navegacións perante todo o verán con escolares, turistas e público en xeral.
Participando en encontros de embarcacións tradicionais en Galicia, O País Vasco e Portugal, e recuperando todos os saberes que van ligados o mundo do mar para que non se perdan e se poidan transmitir ás novas xeracións.