A exposición pode verse ata o 30 de decembro no Espazo Torrado de Cambados
As illas son lugares onde chegar, lugares de salvación, de misterio, de segredos, lugares escondidos e onde agocharse. Lugares onde escapar de todo, de nós mesmos, da civilización, lugares inhóspitos, exóticos e cheos de aventuras, lugares perdidos e de liberdade…
Ítaca era o lugar anhelado por Odiseo, o seu fogar e o seu reino, situado nunha illa xónica de Asia Menor, onde lle esperaba a súa amada esposa Penélope e o seu fillo Telémaco. Tras vinte anos de ausencia, primeiro pola guerra de Troia e logo pola súa viaxe de volta, esta historia chegou ata nós da man de Homero, que a inmortalizou tanto na Iliada como na Odisea. Converteuse para a cultura occidental nese lugar ansiado, nese fin onde chegar, unha viaxe iniciática, ateigada de vicisitudes e obstáculos, de experiencias vitais. Unha viaxe ao interior de nós memos. Ítaca xa non é un lugar concreto.
Isabel Pintado mostra a súa propia viaxe homérica, a súa propia odisea para arribar a este EsPazo Torrado de Cambados. Máis de sesenta obras que mostran esa viaxe iniciática á súa Ítaca, con diversas e variadas técnicas e formatos. Ítacas é un traballo obsesivo e incansable por afondar a través do feito pictórico, reflexivo e constante, nesa busca ao interior dos soños, ás procuras e os anhelos da autora na súa íntima soidade creativa. Pero tamén de nós mesmos, espectadores, que como vítimas da vontade de Calipso nos atrapan, e miramos a través destas fiestras/cadros, esas paisaxes nebulosas e irreais. Esa illa, distante e defendida polo mar, difícil de chegar pero tamén difícil de deixar.
Por Jose Vaamonde
HORARIO:
MARTES A VENRES: 11:30 A 13:30H//17:00 A 20:00H
SÁBADOS: : 17:00 A 20:00H
DOMINGOS: 11:30 A 13:30H