Inicio Pontevedra O festival Primavera do Cine presenta a súa VIII edición

O festival Primavera do Cine presenta a súa VIII edición

O festival Primavera do Cine presenta a súa VIII ediciónO certame, que se celebrará do 30 de abril ao 5 de maio, chega un ano máis a Vigo apostando polo cine galego e lusófono

Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine presentou esta mañá a oitava edición do certame, que se celebrará do 30 de abril ao 5 de maio, aínda que as actividades previas deron comezo o pasado 22 de abril con Viva Cuba, unha retrospectiva do cinema cubano organizado con motivo do 60º Aniversario da Revolución e que se estenderá ata este xoves.

Así, na presentación oficial do certame, Juan de Castro comenta que “esta semana aínda quedan dúas actividades polas que apostamos moito no festival, Cinema nos Barrios, o venres en Navia e o sábado no Casco Vello Alto e Cine Miúdo, un evento ao que acudirán 800 cativos a visualizar filmes de principios de século e con música en directo feita por Caspervek” e continúa dicindo que “a semana que ven xa dará comezo ao resto de actividades paralelas e a sección oficial”.

Deste xeito, na sección oficial proxectaranse no Auditorio do Concello de Vigo un total de 10 longametraxes, mentres que no Instituto Camões e no MARCO exhibiranse 34 curtametraxes. Os 19 videoclips seleccionados poderanse ver no Espacio Mahou do Mercado do Progreso 41.

Doutra banda, o director do festival quixo destacar tamén a gran evolución que está a ter o certame, sobre todo nos dous últimos anos e considera que “cada ano vai sumando público e vai sumando mellor reputación e consideración tanto pola xente do sector audiovisual como pola xente de Vigo, que é o máis importante”.

Outra das novidades deste ano é que tanto a gala de inauguración como a de clausura serán sen custo. De feito, na gala de inicio, que terá lugar no Calvario o 1 de maio ás 21.00, ademais de entregar a mención honorífica a un dos grandes impulsores do audiovisual galego, Manolo González tamén se proxectará No intenso agora, un filme lusófono da sección oficial.

Xa o día previo a gala de clausura poderase gozar do concerto de Basanta na Sala Iguana Club a partir das 23.30 (rúa Churruca, 14), un grupo vigués cheo de misterio que mistura rock psicodélico con pop, folk e tintes indies.

En definitiva, o Primavera do Cine traerá o mellor do cine galego e lusófono a cidade para que, durante dúas semanas, os vigueses poidan gozar dunha primavera chea de cine e, por suposto, a prezos populares.

AS ACTIVIDADES PARALELAS

A programación do Primavera do Cine 2019 completarase con outras actividades paralelas coma a charla de interpretación que dará o actor vigués Morris, prevista para o sábado 4 de maio ás 11.00, Proxecto Remolque, o sábado 4 de maio ás 11.30 ou Galegas de Cine, o domingo 5 de maio ás 11.30. Todas terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo.

Proxecto Remolque, dirixido por Cris Lores e acompañado polos cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán. é un obradoiro no que os asistentes, despois dunha pequena clase introdutoria e do visionado de diversas obras que servirán de exemplo, poderán realizar ás súas propias películas en celuloide. De feito, a cada participante se lles facilitará carretes de tráileres de filmes audiovisuais comerciais en 35 mm.

“O Método Morris” será unha charla onde o intérprete tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.

Finalmente, Galegas de Cine é unha clase maxistral en dúas sesións impartida pola docente Renata Otero e a cineasta Jaione Camborda. Nesta actividade explorarase o papel que tivo a muller en toda a historia cinematográfica e falarase tamén das mulleres vinculadas ao eido audiovisual na actualidade.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

695FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies