·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioVigo e áreaRedondelaO Festival Internacional de Títeres de Redondela programa máis de 25 actividades...

O Festival Internacional de Títeres de Redondela programa máis de 25 actividades esta fin de semana

O Festival Internacional de Títeres de Redondela programa máis de 25 actividades esta fin de semana O Museo Carallás, unha mostra pictórica de oito pezas de artistas redondeláns sobre o mundo dos títeres, xa se pode visitar na Alameda

O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) chega á súa recta final con máis de 25 actividades para esta fin de semana. Monicreques nas rúas, en sala e moita música que se complementan coas intervencións urbanas sorpresivas a cargo de Fadunito Streets Arts e a ‘Psychodelia’ de Troula. As entradas para todas as funcións, tanto de rúa como a de sala, están esgotadas, e só poderán acceder ao Auditorio do Multiúsos da Xunqueira e aos catro recintos  exteriores aquelas persoas que dispoñan da súa localidade.

Paco Nogueiras, Títeres Cascanueces e Valeria Guglietti o sábado

A xornada do sábado arrancará ás 12 da mañá coa función ‘Tolitates’ dos galegos de Trécola no escenario da Pista da Xunqueira, e unha hora máis tarde dará comezo no Palco da Música ‘Unha armadura con Ferruxe’, de Títeres Cascanueces.

Xa pola tarde, The Turres Band dará o pistoletazo de saída a unha xornada chea do mellor teatro de títeres, cun pasarrúas ás 17:30h por Afonso XII e Ribeira, para dar paso, ás 18h, á segunda representación de ‘Tolitates’ na Pista da Xunqueira. A carpa do Salgueiral acollerá ás 19h a montaxe ‘Primera luna llena del niño lobo’, dos madrileños de Le Guignol Orthopédique, e ás 19:30h, Paco Nogueiras cantará os temas do seu ‘Brinca Vai!’ no Palco da Música.

Os segovianos Mutis Teatro encherán a Casa da Torre ás 20h, co espectáculo de gran formato ‘Las aventuras de la intrépida Valentina’, e xa ás 21:30h, The Turres Band pechará a xornada coa mellor música.

A protagonista da programación de sala será a arxentina Valeria Guglietti, que escenificará ás 21h o seu novo espectáculo, ‘Sombra de cine’, unha proposta de teatro de sombras coas mans á vista do público, que presenta escenas e personaxes da historia do cine que pertencen á memoria colectiva dos espectadores.

O Festival Internacional de Títeres de Redondela comeza a XXI edición con todas as entradas esgotadas

Tanxarina Títeres, Pakolas e Mircromina o domingo

A programación do domingo dará comezo ás 12h no Palco da Música con ‘A Familia unida’ de Mircromina Títeres, e ás 12h:30h, a carpa do Salgueiral acollerá o concerto ‘As parábolas de Pakolas’, un recital para toda a familia a cargo do músico e cantante Pakolas.

A compañía Mutis Teatro, de Castela-León, escenificará ás 13h unha nova función de ‘Las aventuras de la intrépida Valentina’ na Pista da Xunqueira, que repetirá pola tarde, ás 18:30h, no mesmo emprazamento. Nesta montaxe de teatro de actor e títeres de gran formato, fálase da discriminación de xénero dun xeito atractivo e ameno, onde a protagonista se enfronta a diferentes aventuras para superar os problemas cos que se atopa ao longo da historia.

Ás 18h, Mircromina Títeres volverá con ‘A Familia unida’ ao Palco da Música, e ás 19h, Le Guignol Orthopédique representarán ¡Es la hora de la cachiporra! no escenario do Salgueiral.  Ademais de títeres, a música será outra das protagonistas da tarde do domingo, con dous pases da Fanfarria Brassica Rapa ás 19:30h e ás 21:30h, e o concerto de Mamá Cabra ás 20:00h na Casa da Torre.

Á mesma hora, os redondeláns de Tanxarina Títeres pecharán a programación de sala con ‘A Galiña Azul’, un espectáculo baseado na obra de Carlos Casares que lle valeu o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil e o Premio FETEN ao Mellor espectáculo de Títeres no 2018.

Museo Carallás e ‘Os monicreques de Kukas’

Ademais da programación escénica, para todos aqueles que quedaran sen entrada, durante toda a fin de semana poderase visitar na Alameda o Museo Carallás, unha mostra pictórica a cargo de oito artistas redondeláns na que se lle rende homenaxe ao mundo do títere e a varias compañías que participaron no Festival, e que se poderá visitar o sábado e domingo de 12h a 20h.

Os escaparates de dez comercios do centro tamén albergarán unha escolma das mellores pezas de ‘Os monicreques de Kukas’, que nesta edición saen da tradicional sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira para encher a vila cos máis de 40 anos de traxectoria artística desta compañía galega.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies