spot_img
InicioBaixo MiñoO Espazo Isaura Gómez converterase nun punto de encontro da cidadanía de...

O Espazo Isaura Gómez converterase nun punto de encontro da cidadanía de Tomiño

O Espazo Isaura Gómez converterase nun punto de encontro da cidadanía de TomiñoO proxecto tivo en conta as achegas da cidadanía de Tomiño e aspira a converterse no primeiro edificio público en acadar o certificado ‘Passive House’ en materia de eficiencia enerxética

Revista COUSAS DE Nº15

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañadas do deputado provincial Gorka Gómez e o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez, visitaron hoxe o avance das obras do futuro Espazo Isaura Gómez, un equipamento sociocultural “icónico” que se converterá nun punto de encontro e nun referente para a cultura da comarca do Baixo Miño e do norte de Portugal. A institución provincial financia este equipamento, de nova construción, a través do programa extraordinario ReacPon. Ten un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros dos que a institución provincial achega 1.108.423,05 € e o Concello os 632.163,06 € restantes.

Carmela Silva asegurou que “isto é moito máis que unha biblioteca, é un espazo para garantir dereitos e servizos á cidadanía”. A presidenta provincial puxo en valor “os servizos que se van prestar nel e que son tan demandados, que é o que importa ao construír un equipamento que será lugar de encontro para rapazada, maiores e para o conxunto da veciñanza de Tomiño”, e tamén o carácter accesible do equipamento: “é un equipamento ambicioso no espazo público, que fai que a xente se reúna, e que ademais cumpre os parámetros máis esixentes de toda Europa en canto a eficiencia enerxética e materiais de construción”. A presidenta da Deputación asegurou que este é “un edificio moi singular, ao que os concellos teñen dereito, e moi ben deseñado” e salientou o feito de que teña o nome dunha muller: “necesitamos que nomeen lugares importantes para que sexan referentes de moitas mulleres e nenas que, ao velo, tamén se sentirán importantes”.

A presidenta provincial salientou que “este edificio foi ideado coa veciñanza, cunha nova forma de construír democraticamente como hai que facer no século XXI”. Carmela Silva lembrou que “é unha satisfacción para a Deputación ter rachado co modelo anterior e que agora todos os concellos teñan recursos para, desde a autonomía, apoiar os seus proxectos e garantir que a xente teña garantías viva onde viva”. Silva asegurou que “esta provincia converteuse nun referente dunha forma de gobernar, transformar e cambiar os concellos: o noso obxectivo é ser útil á xente, e conseguímolo respectando os concellos, respectando o que queren facer e participando dos seus proxectos, como no caso de Tomiño, que fan que sexan un modelo de calidade urbana”.

A alcaldesa, Sandra González, agradeceu a Deputación porque “este é un día emocionante, no que levamos soñando anos, e que é posible grazas á Deputación: é o noso auxilio para todo o que queremos facer alén do día a día porque esta administración apoia e cre nos proxectos dos concellos”. A rexedora asegurou que “o Espazo Isaura Gómez levaba na carteira de proxectos de Tomiño catro ou cinco anos, cunha peregrinación importante polas administracións para atopar financiamento”. Grazas ao ReacPon “este soño estase concretando nunha realidade: un servizo fundamental para as veciñas e veciños e que levabamos anos agardando”, asegurou. O Espazo Isaura Gómez é un proxecto moi ambicioso, de xeito que “aspiramos a conseguir a cualificación de Passive House, un dos maiores estándares de eficiencia enerxética da Unión Europea”, salientou. Trala visita ás obras “agardamos ilo vendo madurar agora que o edificio toma forma. Será moi ben feito, un referente e, ademais de fermoso e funcional, será tamén sostible económica e enerxeticamente”.

O Espazo Isaura Gómez será o corazón da cultura de Tomiño. Sitúase nas proximidades da Praza do Seixo, que xa contou cunha achega do Plan DepoRemse, polo que este novo espazo sociocultural continuará facendo da zona un lugar de convivencia da cidadanía grazas ás achegas dos plans extraordinarios da Deputación. O novo inmoble de cinco andares, que ocupa a que anteriormente fora a casa do médico, contará cun soportal exterior por toda a fachada cunha especial arquitectura adaptada á estética dos edificios próximos, e cumprirá os obxectivos fixados no Plan ReacPon: empregará enerxías renovables, será eficiente (de feito, o obxectivo do Concello é que se converta nun dos primeiros edificios clasificados como Passive House, cun consumo enerxético absolutamente baixo e respectuoso co medio: de acadalo sería pioneiro como edificio público en Galicia) e accesible para todas as persoas (con ascensor adaptado), luminoso e integrador.

O Espazo Isaura Gómez é o resultado dun proceso participativo de máis dun ano coa veciñanza, a comunidade educativa, asociacións e demais colectivos, cuxas ideas foron recollidas no proxecto. O edificio distribúese do seguinte xeito: no andar baixo atópanse unha zona de acceso, biblioteca e un espazo versátil para diversos usos. No primeiro andar sitúanse outra zona máis ampla de biblioteca e o xardín exterior, que resolve o problema das medianeiras do mercado municipal. No segundo andar instalaranse a Aula CeMIT, a área de atención temperá e a Concellería de Cultura, no baixo cuberta (terceiro andar) a sala de usos múltiples e a terraza. E, no soto, o arquivo municipal e outras instalacións. O espazo configurouse de xeito flexible, con andares diáfanos e aberto a cambios, con paneis móbiles que permiten que as distintas áreas sexan independentes e dispoñibles en distintos horarios entre eles.

A biblioteca contará con 109 postos de lectura (50 no andar baixo e 59 no primeiro andar), 22 ordenadores e capacidade para albergar arredor de 16.600 volumes, de acordo co estándar internacional recomendado en función da poboación de Tomiño. No primeiro andar situarase un espazo dedicado a recoller toda a bibliografía sobre Tomiño e o Baixo Miño, “o rincón de Tomiño”, proxectado a dobre altura entre o primeiro e o segundo andar. No andar baixo cuberta, cunha ocupación máxima de 70 persoas, poderanse organizar actos e actividades como conferencias, exposicións ou talleres na sala de usos múltiples e a terraza exterior, con zona cuberta e descuberta e que tamén se poderá empregar como observatorio astronómico. A área de atención temperá situada no segundo andar atenderá con persoal profesional a nenas e nenos da comarca (dos concellos de Tomiño, A Guarda, O Rosal e Tui).

Isaura Gómez, unha referente de solidariedade durante a Guerra Civil

Isaura Gómez foi unha muller tomiñesa, nada na parroquia de Figueiró. Foi unha muller culta e moi activa, defensora de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. Sufriu de preto a Guerra Civil e a represión franquista, pero en ningún momento deixou de estar do lado das persoas que tiñan máis dificultades e necesidades, converténdose así nunha referente.

- Publicidade -spot_img