Inicio Pontevedra O destino Rias Baixas terá este verán unha ocupación media hotelera do...

O destino Rias Baixas terá este verán unha ocupación media hotelera do 78% segundo as previsións da Deputación

O destino Rias Baixas terá este verán unha ocupación media hotelera do 78% segundo as previsións da Deputación

Carmela Silva subliñou que “a falta de reservas de última hora, que seguramente incrementen a porcentaxe, desde Turismo Rías Baixas estímase unha ocupación media provincial superior ó 72% en xullo e 84% en agosto”

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou esta mañá que está previsto que o destino Rías Baixas teña, durante o verán de 2016, unha ocupación media do 77,65%. Silva destacou que agarda que cos datos das reservas de última hora se incremente a porcentaxe e afirmou que, segundo Turismo Rías Baixas, en xullo a ocupación hoteleira na provincia será de preto do 72% e en agosto do 84%.

Os datos que manexa a Deputación de Pontevedra aseguran que “a ocupación nas Rías Baixas durante este verán será 10 puntos por riba da media galega e superará ata nun 5% os resultados do ano anterior”, segundo informou a Presidenta. Carmela Silva tamén recordou que “esta tendencia alcista xa se podía visualizar cos resultados do INE, correspondentes os primeiros cinco meses do ano, que sinalan un incremento do 9,6% nas pernoctacións en establecementos hoteleiros das Rías Baixas, tres puntos por riba dos resultados de Galicia”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra facilitou a previsión de ocupación hoteleira que Turismo Rías Baixas estima para as comarcas destacando que no Salnés a media para o verán sitúase no 77,5% aínda que concellos como Sanxenxo terán unha ocupación por riba do 80% ou Cambados acadando o 100% en datas concretas como a fin de semana do Albariño.

A comarca de Pontevedra, segundo Turismo Rías Baixas, terá unha ocupación media durante o verán do 70%. Neste caso, a Presidenta subliñou que “os eventos deportivos, como o Campionato de Europa de Piragüismo supuxeron que os establecementos hoteleiros estivesen ó 100% no primeiro fin de semana de xullo”.

No caso da comarca do Morrazo, o organismo da Deputación de Pontevedra estima unha ocupación media do 100% e en Caldas do 50%.  Pola súa banda, prevese que a comarca de Vigo teña unha ocupación do 80%. Ó respecto, Silva subliñou que “o ano 2015, ano record para a cidade olívica, rexistrou 607.000 noites de hotel en Vigo o que lle valeu para ser catalogada como municipio turístico incrementando ata un 20% con respecto ó ano anterior o número de visitantes”.

Pola súa banda, estímase unha ocupación media para o verán no Baixo Miño do 91%, no Condado/A Paradanta do 75% e en Deza e Terra de Montes do 77,5%.

No que respecta ó turismo rural, a Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que Turismo Rías Baixas manexa datos que sinalan que “a ocupación dos establecementos de turismo rural se situará no 66%” e informou que o propio Presidente da Federación Galega de Turismo Rural sinala que espera un 15% máis de reservas que no ano 2015.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén subliñou que se agarda un maior número de visitantes, en concreto, “un 21,2% máis en Deza e Tabeirós, un 12% máis en Vigo, Baixo Miño e o sur da provincia, un 11% máis no Salnés e un 4% máis en Pontevedra”. Amais, Silva recordou que, segundo os datos do  INE, “nos primeiros cinco meses do ano as Rías Baixas recibiron un 8% máis de visitantes que no 2015, un total de 240.000, a meirande parte procedentes de Galicia (37%), Madrid (14%), Castela e León (8%), Cataluña (7%) e Asturias (5%) sendo, o 15% turistas estranxeiros”.

No correspondente á incidencia do emprego no sector turístico, Carmela Silva deu a coñecer que “grazas á liña 4 do Plan Concellos, xa distribuída ó 100%, 11 persoas están a traballar en 6 concellos da provincia (Redondela, Salvaterra, Cambados, Lalín, Meaño e Poio) para atender ós turistas que visiten as Rías Baixas”. Amais,  dende o 1 de xuño, 20 persoas graduadas en turismo e co ciclo superior en animación sociocultural e turística están a realizar a súa primeira experiencia profesional, no marco do Plan de Práctica Laboral da institución provincial, en Baiona, Bueu, As Neves, Redondela, Vilaboa, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Mos, Nigrán, A Guarda, Tui, O Grove, Mondariz e Cerdedo. Pola súa banda, 14 persoas recibiron unha bolsa de Turismo Rías Baixas para graduadas en turismo ou co ciclo formativo en turismo e, dende o 15 de xuño e durante toda a temporada de verán, están a atender as oficinas de turismo de Cangas, Sanxenxo, Silleda, Moaña, Vilagarcía, Marín, A Illa,  Nigrán, Ribadumia, Soutomaior, Meis, Vilanova e O Grove.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “durante estes meses lideramos numerosas actuacións para captar un maior número de turistas, que xa estamos a ver polos bos resultados que están a acadar as nosas oficinas de turismo, que agardan pechar a temporada cun incremento de 13 puntos no número de visitantes”. Neste contexto, Silva recordou as actuacións que desde Turismo Rías Baixas se están a levar a cabo para potenciar e fomentar o turismo na provincia de Pontevedra: “comezamos en Fitur, coa presentación da ruta arquitectónica para descubrir as Rías Baixas; continuamos no Espazo Atlántico de Pepe Solla en Madrid para dar a coñecer as “62 razóns para visitar Rías Baixas”; seguimos no Festival de Cinema de Málaga, onde se proxectou a primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega “Cociñando no fin do mundo”, patrocinada pola Deputación de Pontevedra; e levamos os sete festivais musicais das Rías Baixas ata Oporto, con grande acollida na prensa portuguesa, autónomica e nacional así como en redes sociais”.

Amais, e tal e como destacou Carmela Silva, “estamos a realizar accións promocionais en Renfe, en revistas a bordo de compañías áereas que operan desde Vigo, en mupis instalados nas rúas das principais ciudades de España, no programa A3Musica de A3Media que está distribuíndo a nivel estatal e en Iberoamérica un spot promocional do destino Rías Baixas, impulsando o streaming do Marisquiño, organizando press trip con xornalistas, en concreto cun grupo de xaponeses que visitarán o festival SinSal, promovendo as festas de interese turístico, colaborando coa adega  Terras Gauda na promoción realizada co club de viños do Corte Inglés e realizando campañas publicitarias en revistas e webs especializadas como Conde Nast, National Geographic, Hola Viaxes, minube ou rumbo”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén subliñou o importante papel que están desempeñando as redes sociais para divulgar as Rías Baixas, destacando datos como as 362.318 persoas que viron en Facebook o vídeo dos festivais Rías Baixas ou o papel que están a realizar os artistas que participan nos festivais. Así, Silva puxo como exemplo a “José González, con máis de 23.000 fans, que falou en Twitter da súa estancia nas Rías Baixas e colgou en Instagram fotografías do noso destino, contribuíndo de xeito totalmente desinteresado a promover Rías Baixas ante milleiros de persoas”.  Neste contexto, a Presidenta da Deputación adiantou que “estamos a valorar a posibilidade de realizar algún tipo de actuación ó finalizar os festivais con estes artistas e influencers”.

Estas actuacións, segundo Carmela Silva, “son fundamentais para intentar que o turismo, un dos motores económicos na nosa comunidade, que representa o 11% do PIB galego e máis de 100.000 postos de traballo, sega a ser un sector líder que contribúa ó desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies