
Excelentes resultados os conseguidos polos clubs galegos no Campionato de España de Grupos Show Grandes e Pequenos, que se celebraba durante este fin de semana (4 e 5 de marzo) no pavillón Barris Nord de Lleida.
Na xornada do sábado as sensacións foran moi positivas cos Grupos Grandes, sobre todo por parte do C.A.R.P.A.-Viqueira con “Darasmo todo” e unha meritoria sétima praza, secundada ademais por un fenomenal oitavo posto do CPA Ribex coa súa coreografía “Envexa” entre os 20 grupos participantes. A representación galega achegaba tres formacións máis nesta categoría, finalizando CP Porriño (‘Love’), CPA Valladares (‘Elemento vital’) e Ánfora PA (‘Ás para voar’) nas posicións 13ª, 15ª e 16ª respectivamente.
Pero aínda quedaba o mellor para o domingo, cos Grupos Pequenos en pista, certificando o CPA Gondomar as boas sensacións mostradas recentemente no Campionato Galego con “Alma toureira”, pois aínda sendo sumamente conscientes da dificultade que supón superar aos clubs cataláns, saíron ao parqué do Barris Nord co convencemento de que unha medalla podía ser súa. E así ocorreu, logrando unha meritoria terceira praza final que rompía así a hexemonía de Cataluña, que conseguía colocar a cinco formacións entre as seis mellores.
Ao éxito das de Gondomar, cuxa medalla de bronce é a primeira que consegue un conxunto galego na modalidade de Grupos Show, sumábase a undécima posición do C.A.R.P.A.-Viqueira con ‘Náufragos en terra’ e a duodécima do CD Fontiñas con ‘Ruído’ entre os 22 grupos clasificados.



