O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Pontevedra acordou aprobar, nunha sesión ordinaria mantida hoxe no Pazo provincial e presidida por Rafael Louzán, a adquisición de dous vehículos para os parques de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa.
Na mesma sesión acordouse, así mesmo, subscribir convenios con Autopistas do Atlántico (AP-9), coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e con Gas Natural Fenosa.
A compra, con cargo ós remanentes do Consorcio, de dous vehículos autobomba urbanos lixeiros para os parques de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa ten un presuposto de licitación de 568.700 euros.
Subscribe convenios con Audasa, para a libre circulación pola AP-9; coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, para desenvolver programas de formación e para a extinción de incendios; e con Gas Natural Fenosa, para establecer un sistema de alertas e actuacións nas centrais de Frieira, Caudal Ecolóxico e Dorna
A súa adquisición está motivada pola antigüidade dos dous vehículos de tipo pesado que están a prestar servizo nos citados parques. Estes vehículos, de 12 anos, presentan diversas carencias derivadas do seu uso e do paso do tempo, o que repercute na prestación e calidade do servizo e na propia seguridade dos traballadores.
En virtude do convenio aprobado coa AP-9, a concesionaria Audasa dotará os vehículos do Consorcio Provincial do dispositivo de pago por telepeaxe (OBE), para que o tránsito pola autopista sexa rápido e gratuíto. A cambio, o Consorcio prestará os seus servizos contra incendios na AP-9, dentro do seu ámbito xeográfico de actuación, cando sexa requirido.
No convenio coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa establécese a achega de 7.500 euros anuais ó Consorcio, por parte desta institución, polos traballos realizados sobre asesoramento, desenvolvemento de cursos para o persoal da Autoridade Portuaria, supervisión da súa rede e dos equipos contra incendios e extinción de incendios a bordo de buques
Finalmente, o Pleno do Consorcio Provincial contra Incendios acordou subscribir un convenio con Gas Natural Fenosa para realizar intervencións nas centrais hidráulicas de Frieira, Caudal Ecolóxico e Dorna. Neste acordo establécese que Gas Natural Fenosa lle achegue 3.000 euros anuais ó Consorcio para que este dispoña dun sistema de comunicación, a través do servizo de emerxencias 112 Galicia, que asegure a recepción da petición de intervención nas centrais hidráulicas e envíe os efectivos adecuados no menor tempo posible. O convenio tamén contempla o desenvolvemento dun programa de formación do persoal.



