spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO Concello de Redondela intensifica a súa colaboración cos centros escolares no...

O Concello de Redondela intensifica a súa colaboración cos centros escolares no inicio do curso

O Concello de Redondela intensifica a súa colaboración cos centros escolares no inicio do cursoDurante todo o verán os centros educativos traballaron arreo para un comezo de curso atípico no que contarán “co apoio decidido do Concello incluso naquelas medidas que non son de estrita competencia municipal”

Nun inicio de curso atípico, marcado pola pandemia da COVID-19, o Concello de Redondela quixo lanzar unha mensaxe de apoio aos centros escolares ao afirmar que “os colexios do municipio contarán co apoio deste Concello incluso en medidas que sáense da estrita competencia municipal”.

A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros mantiveron durante esta pasada semana, ao igual que o farán na vindeira, encontros coas directivas e docentes dos centros escolares. Trátase, segundo sinalou Digna Rivas, de facerlle ver á comunidade educativa “que non están sós na loita pola seguridade dos nenos e nenas e que sempre poderán contar co seu Concello”.

Nesa liña de cooperación, a alcaldesa e a concelleira adiantaron que o Concello dotará a todos os colexios dunha persoa que realiza unha limpeza e desinfección polas mañás a maiores da que se realiza tamén pola tarde. Esta limpeza ‘extra’ supoñerá un importante desembolso económico por parte do concello “pero a saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas está por enriba de calquera outra cuestión”, afirma Olga García.

A concelleira de Ensino gabou o traballo que durante todo o verán veñen facendo os colexios “facendo horarios, reorganizando aulas, medindo espazos, deseñando circuítos para evitar, na medida do posible, o cruzamento de nenos e nenas, comprando material –papeleiras con tapa, dosificadores, xel hidroalcohólico…– ademais de establecer un protocolo e acondicionar unha aula COVID-19”.

Nos centros dependentes do Concello como son a Escolas de Ensino Infantil (EEI) de San Pedro de Cesantes; Ventosela e Marisma, amais do CEIP Santa Mariña, estanse a desenvolver traballos de pintura, carpintería e fontanería “de cara a que o día 10 de setembro os centros estean en condicións óptimas para iniciar o novo curso”. A maiores procédese tamén a realizar rozados e acondicionado de entradas porque este ano, explica Olga García, “serán varias en cada centro e escalonadas para evitar a aglomeración do alumnado”.

- Publicidade -spot_img