·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoO Concello de Oia presenta as súas alegacións contra o parque eólico...

O Concello de Oia presenta as súas alegacións contra o parque eólico Albariño I

A Xunta adianta a convocatoria das axudas do Fondo de Compensación Ambiental que beneficiarán a 19 concellos da provincia de Pontevedra con parques eólicosPide a retirada definitiva polo seu impacto negativo sobre os valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos das zonas de afección, na Serra da Groba

O Concello de Oia presentou este xoves as súas alegacións en contra do proxecto de parque eólico Albariño I, tendo en conta o seu impacto ambiental, patrimonial e sobre a paisaxe; entre outras cuestións.

O proxecto do parque eólico Albariño I afecta a tres municipios: Oia, Baiona e Tomiño e prevé, en total, a instalación de 6 aeroxeradores. A Administración oiense contratou un técnico externo para estudar este proxecto a fin de presentar alegacións en contra.

Concretamente, a análise do estudo de impacto ambiental (EsIA) do parque eólico Albariño I permitiu detectar unha serie de eivas e erros que cuestionan a viabilidade da iniciativa. Nesta liña, o proxecto xera afeccións significativas á Serra da Groba, espazo de referencia en Galicia polo seu gran valor natural e paisaxístico.

Os impactos máis graves prodúcense no ámbito hidrolóxico, con numerosas afeccións a cursos fluviais e a calidade das augas, entre as que destaca a localización de tres aeroxeradores e os seus correspondentes viarios e gabias no interior do perímetro de protección de augas mineiro-naturais Aguasana 2.

Tamén se teñen constatado afeccións no ámbito paisaxístico, xa que o proxecto se sitúa no interior do espazo catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP); e no ámbito da biodiversidade, dadas as afeccións que a construción do parque provocaría na avifauna do entorno e nos hábitats de interese comunitario, entre os que destacan tres charcas temporais, de gran relevancia polos seus altos valores biolóxicos.

Estas afeccións combínanse, ademais, cuns efectos sinérxicos e acumulativos derivados de outros parques eólicos proxectados na Serra da Groba, como son o PE Toroña e o PE Torroña I.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, incidiu en que a alegación pide a “retirada definitiva” do proxecto por ser incompatible con valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos, e tamén polo rexeitamento social que provoca. Así mesmo, lembra que a fragmentación en distintos proxectos sectoriais imposibilita avaliar correctamente, no seu conxunto, a totalidade de infraestruturas eólicas, poñendo un “sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”.

Alegacións accesibles na web

O documento de alegacións presentado polo Concello de Oia consta dun total de 38 páxinas e pode consultarse na propia web municipal, no apartado específico dedicado ao parque eólico Albariño I: https://www.concellodeoia.es/albarino-i/

Así mesmo, o Concello irá informando puntualmente sobre outros proxectos eólicos que teñan afección no municipio.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade