
Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, convocan unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo.
Alén de poeta das Irmandades da Fala e mestre galeguista, Victoriano Taibo é creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas.
O premio instituíuse no ano 2008 co mecenado inicial da Entidade Local Menor de Morgadáns que, en 20015, a través do novo equipo de goberno resultante das últimas eleccións, eliminou unilateralmente o compromiso adquirido, e a continuidade do premio quedou garantida polo concello de Gondomar, que asumiu o mecenado a partir dese momento. Dende aquela data inicial o acervo literario galego incrementouse con 10 novos poemarios de 11 autores diversos que acadaron sempre críticas favorables.
Esta aparente incoherencia entre 9 certames, 10 libros e 11 autores ten doada explicación. En 2009 o premio foi repartido ex aequo entre dous poemarios; un deles, ademais, era de dobre autoría. Esta é a relación dos galardóns concedidos ata o de agora:
2008 Carlos negro Cultivos transxénicos.
2009 Elvira Tobío e Silvia Penas Biografía da multitude.
MªCarmen Caramés Cuarto minguante.
2010 Mª Goretti Fariña Devastacións dispoñibles.
2011 Calros Solla Holocausto Zacoe.
2012 Conchita Álvares Lebredo Distancias e simetrías.
2013 Ramón Sandoval Territorios estraños.
2014 Lara Rozados O caderno amarelo.
2015 Iñaki Varela Do outro lado das portas.
2016 Xosé Iglesias Lamela A relixión do mar.
O último poemario citado está aínda de plena actualidade, acadando críticas moi favorables e colleitando éxitos nas diferentes presentacións (incluída a realizada, suxestivamente, por el dende o seu barco) que están tendo lugar en moitos e diversos lugares de Galicia, como antes fixeron outros.
Convócase pois, no centenario da fundación da Irmandade da Fala de Santiago, o X Premio de Poesía Victoriano Taibo dirixidos a poetas en lingua galega que queiran achegar as súas obras antes do 31 de xullo de 2017, como se recolle nas bases adxuntas.
Queda convocado, xa que logo, o X Premio de Poesía Victoriano Taibo cuxas bases van adxuntas.
BASES
O IEM, Instituto de Estudos Miñoráns, convoca o X Premio de Poesía Victoriano Taibo baixo o mecenado do Concello de Gondomar. O premio, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo, rexerase polas seguintes bases:
- 1 Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións e estarán escritos en lingua galega, de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003.
- 2 Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
- 3 De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou au- toras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30 36 380 Gondomar Pontevedra
- 4 Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
- 5 O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2017.
- 6 O xurado estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario.
- 7 A obra premiada será publicada polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.
- 8 O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
- 9 Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
- 10 O feito de participar supón a aceptación destas bases. Gondomar, a 28 de marzo de 2017



