
Esta mañá presentouse en rolda de prensa a XIV edición do Festival Música no Claustro. Baixo o leitmotiv #TemosQueBordalo, a organización do festival confía en que o público sexa partícipe dos novos protocolos e dinámicas para a asistenza a cada concerto. O equipo de produción, artistas e institucións, traballan co obxectivo de convertir o claustro gótico nun lugar seguro.
A XIV edición do Festival Música no Claustro celebrarase entre os días 1 e 7 de agosto na Catedral de Tui e ofrecerá un programa centrado na artesanía, no patrimonio e na música, con sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, populares, modernas ou jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións.
Está prevista a actuación do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, con músicas de ambas beiras do Miño; a baterista Andrea González (Tomiño), integrante do Gara Jazz Quartet; a música de Tcheka (Lisboa), cun recital íntimo dunha escolma do seu amplo repertorio; Faia e Benxamín Otero (Santiago de Compostela), cunha escolma de cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller; e Noelia González (Carballedo) presentará a evolución do acordeón coma instrumento de concerto.
Coma anfitrións do ciclo nacional AIEnRUTA o claustro gótico da catedral contará co concerto de Miryam Latrece Quartet acompañada de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería). Ademais actuará a clavecinista Inés Moreno, seleccionada en 2018 coma a proposta española máis destacada das novas xeracións de música antiga. Será un concerto con música escrita ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.
A programación completarase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patirmonio e historia tudenses.
Sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, popular, moderna ou jazz, que darán vida ao monumento cada serán ás 21.30h, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións:
SÁBADO 1. Samuel Diz dará a benvida ao festival, ao carón do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, nun concerto que reflexionará sobre a fronteira entre Portugal e Galicia, nunha homenaxe ao compositor portugués António Fragoso, falecido prematuramente na pandemia de 1918.
DOMINGO 2. Tcheka, chegará dende Portugal cunha escolma de cancións marcadas pola súa orixe caboverdiana, nunha fusión de estilos do pop africano, jazz ou do blues.
LUNS 3. A cantante galega Faia, acompañada de Benxamín Otero, interpretará cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller. Cancións que conforman o seu primeiro traballo en solitario “Ao cabo Leirín”.
MARTES 4. Noelia González, gañadora do Premio Música no claustro de Novos Talentos 2018, presentará a evolución do acordeón nas últimas décadas coma instrumento de concerto.
MÉRCORES 5. Inés Moreno, seleccionada en 2018 como a proposta máis destacada das novas xeracións españolas de música antiga, ofrecerá un concerto de clave poñendo a atención na construcción cultural de Europa con obras compostas ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.
XOVES 6. A formación galega Gara Jazz Quartet compartirá as cancións e melodías que lles axudaron, día a día, a seguir tocando e estudando na soidade das súas casas, pequenos “tesouros no confinamento”.
VENRES 7. Miryam Latrece Quartet clausurará o festival co seu novo álbum “Quiero cantarte” ao carón de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería).
Artesanía en bordado
O Museo Catedralicio conserva o medallón bordado en fío de ouro da Cofradía dos Músicos da Catedral, datado en 1747, no que atopamos un San Roque pintado en tea, con vestidura de peregrino e acompañado cun anxo e un can cun anaco de pan na boca. A devoción ao santo estivo presente en múltiples cofradías, hospitais e santuarios de toda Europa na protección contra a peste ou calquera tipo de epidemia.

Esta peza serve de fío condutor para o diálogo coa creación de Minia Banet, artesá beneficiaria da última Beca Eloy Gesto de Artesanía de Galicia. Chegará a Música no claustro os días 2 e 3 de agosto para ofrecer un obradoiro de bordado contemporáneo sobre fotografía, tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918.
Tres conversas
Coma novidade, a presente edición de Música no claustro integrará tres conversas en formato dixital, na liña de seguir aportando coñecemento e difusión do patrimonio e historia tudenses.
Comezarán coa análise da presenza de Tui na centenaria Revista Nós, nunha conversa co historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.
Aurora Díez-Canedo, Doutora en Historia e Investigadora do Centro de Estudos Literarios da UNAM, achegará a faciana máis humana do seu pai, o editor universal de raíces galegas Joaquín Díez-Canedo. Na conversa coñeceremos como nos primeiros días de agosto de 1940 o editor fuxía, entre a vida e a morte, da represión franquista polo Miño cara a Lisboa, cidade da que partiría ao seu exilio mexicano, país no que creou a popular Editorial Mortiz.
A terceira conversa, versará sobre o paso de Benito Pérez Galdós por Tui coa especialista Yolanda Arencibia, autora de “Galdós. Una biografía” (Tusquets 2020) e recentemente galardoada co Premio Comillas de Historia, Biografía e Memorias pola súa entrega e estudo á vida e obra do escritor canario, do que conmemoramos neste 2020 o centenario do seu falecemento.
A programación completarase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patirmonio e historia tudenses.A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, tamén participou esta mañá na rolda de prensa de presentación desta XIV edición do Festival, no que a Fundación ofrecerá un taller divulgativo sobre creación e patrimonio baseado no traballo da artesá Minia Banet. Do estudio Variopinto e gañadora da beca Eloy Gesto 2019, Benet impartirá os días 2 e 3 de agosto un obradoiro de bordado sobre fotografía tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918. Afondarase con esta proposta no diálogo da creación dende o patrimonio.
¿Cómo asistir aos concertos?
A entrada aos concertos é gratuíta. Para poder asistir as persoas deberán inscribirse telefónicamente chamando ao número +34 621 358 118 (de 10 -14h) o día anterior ao concerto. Poderase facer ata un máximo de tres inscricións nominais por chamada.
O acceso realizarase 30 minutos antes do inicio do concerto seguindo a orde da cola, gardando a distancia mínima de 1.5 m. e portando a máscaras en bo estado en todo momento. 10 minutos antes do comezo do concerto as inscricións que non asistan serán anuladas e postas a disposición doutras persoas.
Durante o concerto o público permanecerá sentado en todo momento nas cadeiras que serán designadas pola organización por orde de chegada, enchendo primeiro unha galería do claustro e despois a outra. Unha vez sentadas, as persoas que abandonen o claustro non poderán volver a entrar e a súa cadeira quedará invalidada para outras persoas.
Os concertos terán unha duración aproximada dunha hora. Non existirá programa de man físico nin haberá baños de uso dispoñible no interor do monumento.
A sinalización e o equipo do festival facilitarán en todo momento as indicacións para velar pola seguridade de todas as persoas. As medidas están dispoñibles en http://www.musicanoclaustro.com/p/covid19.html
Calquera dúbida podera ser resolta no correo electrónico contacto@musicanoclaustro.com
FOTO:
Na fotografía, as persoas que asistiron esta mañá a rolda de prensa da XIV Edición de Música no claustro (por orde na fotografía de esquerda a dereita):
* Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia
* D. José Diéguez Dieppa, Deán da S.I. Catedral de Tui
* Gonçalo Cordeiro, guitarrista portugués convidado para a apertura do festival
* Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui
* Xacobe Martínez, delegado en Galicia de AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes)
* Sonsoloes Vicente, concelleira de Ensino e Cultura do Concello de Tui
* Samuel Diz, director artístico do Festival Música no claustro




