Inicio Pontevedra O Salnés Sanxenxo convértese no primeiro concello de Galicia declarado territorio de preferente actuación...

Sanxenxo convértese no primeiro concello de Galicia declarado territorio de preferente actuación turística

Sanxenxo convértese no primeiro concello de Galicia declarado territorio de preferente actuación turísticaCulmínase así un proceso iniciado polo propio concello hai un ano e que supón a aprobación dun Plan de Actuación Integral que ordene os seus recursos

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, participaron hoxe no acto de declaración da vila de Sanxenxo como o primeiro territorio de preferente actuación turística de Galicia. É unha figura tipificada na Lei de Turismo que ata o de agora non se desenvolveu e que, polo tanto, non posúe ningún outro concello da Comunidade dados os elevados e especiais criterios que deben cumprir para proceder a súa solicitude.

O representante da Xunta de Galicia salientou o avance que esta distinción supón para Sanxenxo, e tamén para o resto de Galicia, no obxectivo de “afianzar o noso modelo turístico sustentable e ordenado”. Grazas a recursos como as súas praias, portos deportivos, talasos e spas, campos de golf ou mesmo a súa pegada xacobea coa Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, esta vila ten xa, afirmou, “un modelo de éxito” que está a facer que Sanxenxo chegue a multiplicar a súa poboación especialmente en época estival.

Por iso, engadiu, a declaración como territorio de especial actuación turística suporá “máis seguridade xurídica” para Sanxenxo e a posta en marcha de máis ferramentas para “facer desta vila un lugar mellor para visitar e tamén para vivir”, indicou. Neste sentido, salientou como un dos principais retos desta localidade nesta nova etapa o de fortalecer o seu papel como destino familiar e lugar que visitar fóra de tempada.

Saúde, medio ambiente e seguridade

Para dar resposta a estas novas necesidades, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións avanzou que a Xunta colaborará co concello de Sanxenxo no impulso do turismo deportivo, axudando a crear unha rede de itinerarios en augas abertas que combinen turismo, deporte e medio ambiente. Tamén se crearán sendeiros saudables a través da organización de eventos deportivos e accións para o desfrute das familias e se apoiará nas necesidades de limpeza, seguridade ou mellora de accesos ás praias.

“En momentos difíciles como os que estamos a vivir é fundamental seguir avanzando na sustentabilidade do noso destino tendo moi en conta que a colaboración entre administracións é agora máis importante que nunca”, subliñou.

Pola súa banda, o alcalde, Telmo Martín, recoñeceu que este ano está a ser “moi difícil para a actividade turística de Sanxenxo”. Neste contexto, subliñou o esforzo “sen precedentes” do Concello cunha inversión de 1,6 millóns de euros para o reforzo da plantilla e a posta a punto en praias e outros espazos. Un esforzo, incidiu Martín, que trouxo “tan boas noticias como tres novas bandeiras azuis e un distintivo especial en Salvamento”.A declaración de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística é, sen dúbida, a mellor noticia que podíamos ter e que nos permitirá seguir consolidando o municipio como primeiro destino turístico do norte de España cun plan de actuación integral”, concluíu o rexedor.

No acto tamén estiveron presentes varios representantes do sector turístico da vila, aos que aproveitou para agradecer o esforzo e sacrificio que están facendo como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Felicitou, ademais aos profesionais do concello pola posta en marcha da súa nova campaña de promoción Sanxenxo Volve.

Declaración específica

A declaración de territorios de preferente actuación turística que vén de obter Sanxenxo está tipificada xa na Lei de Turismo de Galicia. Identifica a aqueles territorios que deben cumprir uns esixentes e específicos criterios e que, polas súas especiais características, demanda tamén unha actuación singular das administración públicas.

Co acto celebrado esta mañá, culmínase un proceso iniciado en setembro de 2019 polo Concello, quen solicitou á Xunta de Galicia esta declaración. Tras ter pasado todos os trámites, incluíndo a información aos membros do Consello Galego de Turismo, Sanxenxo oficializou hoxe este recoñecemento que supón a posta en marcha dun Plan de Actuación Integral, unha folla de ruta con recursos económicos e prazos de execución que permitirá mellorar os seus equipamentos turísticos e ordenar a súa actividade neste ámbito.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies