Inicio O Morrazo Bueu O festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe a súa versión...

O festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe a súa versión alternativa

O festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe a súa versión alternativaCun formato reducido e moi coidado de concertos o MicroSonRías celebrarase a vindeira fin de semana e, amais dos concertos de Arco e Rayden, incluirá  rutas guiadas que mesturarán música e gastronomía. O festival mantén a súa cita anual co público, á espera de retomar a súa edición completa na primeira semana de agosto de 2021.

O festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe a versión alternativa que desenvolverá este venres 31 de xullo e o sábado 1 de agosto, cos concertos acústicos de Arco e Rayden como epicentro dun programa que incluirá tamén varias sorpresas musicais en espazos singulares da localidade pontevedresa.

O acto celebrado no Estaleiro de Purro en Bueu contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, do alcalde, Félix Juncal, do director de Agadic, Jacobo Sutil. Para a Presidenta o MicroSonRías Baixas “é música, é industria musical, é cultura, pero tamén é tradición, autenticidade dun pobo e promoción dunha terra” e, neste senso, puxo en valor a labor cultural deste concello “do século XXI que ancora no pasado as súas raíces” a través deste festival musical e tamén do cinematográfico FicBueu.

“Será un SonRías Baixas reinventado, que fala do noso talento e da nosa capacidade para adaptarnos, un festival que vai ser moi potente”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou hoxe na presentación do festival de Bueu o seu recoñecemento ás promotoras e promotores desta cita destacada dos Rías Baixas Fest por ser “moi valentes” e manter nun ano tan difícil un evento tan importante para o concello e a provincia, cunha asistencia o ano pasado de ata 22.000 persoas e cun impacto económico superior a un millón de euros.

O SonRías mudou este ano o seu nome a “Micro”, como destacou o seu director artístico Jordi Lauren, pero seguirá a apostar pola música e pola vinculación co seu territorio a través dun novo concepto, que incluirá os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto rutas guiadas polas tres parroquias do municipio (Bueu, Beluso e Cela) centradas en enxalzar os seus produtos gastronómicos e con concertos de pequeno formato a cargo de Mounqup, Arco e Rayden en medio dos paseos. A maiores, o programa musical de concertos polas noites no recinto da Estacada terá como protagonistas a estes dous últimos artistas, que protagonizarán actuacións os días 31 e 1 respectivamente.

A presidenta recalcou que “era imprescindible” para a Deputación manter o apoio a un evento de atracción que sitúa á Bueu e á provincia como “unha grande referencia” e que “permite que xente de toda Galicia e de fóra coñeza Bueu e a provincia de Pontevedra, coñeza o noso talento e coñeza esta marabillosa costa” e insistiu en que a cultura “é un elemento transformador da sociedade que nos permite sentirnos orgullosos do que somos hoxe, do que fomos onte e do que imos construír para ser mañá”.

Amais, ao igual que a organización do evento, subliñou que “a cultura é segura e o está a amosar como ningún outro sector”, coa administración e os promotores dos festivais comprometidos no cumprimento de todas as medidas de seguridade derivadas da nova normalidade. Tamén agradeceu á Xunta que manteña o apoio aos festivais musicais “e creo que debemos de seguir traballando aínda máis da man para que sexan unha cousa de todas e todos, porque nos referencian e permiten que poidamos ter aquí a grandes referentes da música galega, nacional e internacional”.

Faranse tres  rutas por espazos singulares de Bueu: unha pola Ruta dos Muíños de Meiro o xoves 30, outra pola Illa de Ons o día 31 e outra por Cela o día 1 de agosto, vinculadas á musica e á gastronomía

Como sinalou Jordi Lauren, este ano repensouse o concepto do festival “porque este evento significa moito e non queriamos perder todo o seu retorno social e económico” nun momento de especial dificultade “onde fai más falta que nunca o emprego e o sentirnos orgulloso do espazo no que vivimos”. En concreto, faranse tres  rutas por espazos singulares de Bueu: unha pola Ruta dos Muíños de Meiro o xoves 30, outra pola Illa de Ons o día 31 e outra por Cela o día 1 de agosto, vinculadas á musica e á gastronomía. Deste xeito, na primeira enxalzarase o pan de Galicia e celebrarase un microconcerto de Mounqup; na de Ons porase en valor o polbo da ría e contará con Rayden como artista invitado e a terceira vincularase ao viño tintafemia, cuxa festa tivo que ser suspendida, e contará cun pequeno concerto de Arco.

Estas rutas e concertos terán un aforo máximo de vinte persoas, pero gravaranse para acadar unha maior difusión da experiencia. Estes dous últimos artistas protagonizarán amais os recitais nocturnos no recinto da Estacada e, como sinalou a codirectora do festival, Berta Domínguez, ambos tiveron que adaptar os seus formatos no escenario á nova normalidade, “con concertos máis acústicos”. De Arco, que actuará o venres 31, apuntou que o seu líder, o ex cantante de El Puchero del Hortelano, actuará só acompañado do batería e contará amais cunha intervención especial de Rayden, o protagonista do concerto do día seguinte, 1 de agosto. Domínguez destacou a este último artista como “un dos mellores letristas da Península”. O recinto abrirase dúas horas e media antes dos concertos e, como medida de seguridade, a venda de entradas só será on line. Manterase a distancia de seguridade e haberá xeles a disposición das persoas asistentes. “A cultura é moi segura”, recalcou.

Pola súa banda, Jacobo Sutil felicitou os directores do SonRías Baixas, Berta Domínguez e Jordi Lauren, “á fronte da promotora PlayPlan, pola súa capacidade de reacción e a súa profesionalidade á hora de redeseñar un evento destas características, priorizando o acceso á cultura e a seguridade do público, artistas e persoal técnico”.

Na súa intervención, o alcalde buenense Félix Juncal agradeceu tanto á Deputación como á Xunta o seu respaldo ao MicroSonRías “nun ano cheo de dificultade” que cualificou como de “supervivencia”. “Hai meses tiñamos dúbidas de que se puidesen celebrar festivais musicais ou doutro tipo de eventos culturais (…). Pero foi moi sinxelo poñernos de acordo as tres institucións e de seguir apostando de forma decidida por este proxecto”. “Cando hai proxectos que merecen a pena, sempre somos capaces de conseguir a solución e temos que felicitarnos que este proxecto tan importante se manteña” ,indicou. “Será especial, pero non peor, e recobra valor a parte cultural máis ligada ao patrimonio do territorio”.  

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies