spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de...

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra pecha un 2019 de récord con 466 adopcións

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra pecha un 2019 de récord con 466 adopciónsCarmela Silva compareceu con “Ares”, “Ceo”, “Terra” e “Sabela”, os catro cachorros abandonados nun colector en Vilanova que xa están fóra de perigo e sairán en adopción a vindeira semana

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe os “extraordinarios” datos que o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) acadou no pasado ano 2019, no que non só descendeu notablemente a recollida de cans e cadelas nos 48 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao servizo,  senón que tamén se bateu o récord anual de adopcións da historia do centro, cun total de 466 animais que atoparon un novo fogar.

Silva felicitou ao deputado provincial responsable do servizo, Manuel González, ao xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) da Deputación, Gabriel Rodríguez Alonso e ao veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, “porque cada día o centro funciona mellor e a proba son os datos, que falan de que cada día temos máis capacidade tamén de influencia na sociedade”. Así, baixou considerablemente o número de recollidas, que pasaron de 1.788 no 2018  (cunha media diaria de 4,8) á 1.290 o pasado ano (3,5 de media por día). “Son cincocentos menos, o que significa que se abandonan menos animais, aínda que seguen a ser demasiados”, subliñou a presidenta.

Respecto das adopcións, o número de 466 supón un incremento de máis de cen con respecto ao 2018, en que foran 360, ademais de baterse o récord anual que estaba nas 430 do 2016. Silva indicou máis polo miúdo que dos animais adoptados, 413 foron a fogares de España (a maioría en Galicia, 405) e 53 a Portugal. “Por provincias _relatou_, á cabeza se sitúa Pontevedra, con 345, mentres que para Lugo foron 36, para A Coruña 14 e para Ourense 10. E dentro da provincia pontevedresa, os concellos que máis adoptaron foron Sanxenxo (35), Pontevedra (32), e Meis (30). Felicito á xente destes concellos porque amosan que teñen responsabilidade”.

Engadiu que dos 1.290 animais recollidos, 340 cans foron devoltos aos seus propietarios antes de ser trasladados ao centro, 284 foron recollidos xa no CAAN polos seus donos, e 466 foron adoptados. “Son boas novas que amosan que se está a facer un bo traballo, pero agora en 2020 temos que superar esas cifras”, sinalou Carmela Silva. “O reto é que haxa menos abandonos e para iso temos que facer un enorme traballo de concienciación e, se hai abandonos buscarlles aos animais un novo fogar”.

“Esteriliza, adopta”

A presidenta fixo balance así mesmo da campaña “Esteriliza, adopta”, que no mes de decembro puxo en marcha a Deputación para fomentar as adopcións e esterilizacións e destacou a grande resposta que está a ter. “Estamos moi satisfeitos, porque desde o 27 de novembro en que arrancou, ata onte, formalizáronse 48 adopcións, máis dunha ao día _explicou_. Son datos sorprendentes”. Neste senso, subliñou que xa están repartidos os materiais desta iniciativa, en concreto máis de 9.000 carteis e máis de 13.000 dípticos en todos os concellos da provincia, así como nos centros de Primaria, Secundaria, nos centros universitarios e colexios veterinarios galegos, “e imos continuar evidentemente coa promoción desta campaña”.

Na presentación do balance do CAAN Carmela Silva rodeouse dos cachorros “Ares”, “Ceo”, “Terra” e “Sabela”, que como lembrou foran abandonados o pasado mes de decembro nun colector en Vilanova e que puideron recuperarse no centro. “Aínda están recibindo os coidados pertinentes, pero xa están fóra de perigo _sinalou a presidenta_. Cando os recollemos tiñamos dúbidas de si poderíamos sacalos adiante e aquí están agora. É para estar contentos e é unha boa forma de comezar o ano, dicindo que están fóra de perigo. Agora esperamos que pronto os adopten, que seguro que vai ser así”. E, a este respecto, fixo de novo un chamamento para acadar a adopción de “Apro”, que trala marcha de “Bertín”, é agora o avó do CAAN, no que leva cinco anos.

Lembrou que as adopcións no centro “son gratuítas e o persoal do CAAN sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que mellor se adapta ás súas necesidades” e tamén que os animais saen do centro “vacinados, desparasitados e esterilizados”. “Na páxina web do centro, que por certo é a máis visitada da Deputación de Pontevedra (leva máis de 108.000 visitas) _sinalou_ a xente pode ter toda a información sobre os cans e cadelas que están alí para ser adoptados e, ademais pódense facer todos os trámites relativos ás adopcións; é dicir, adoptar é fácil”.

Finalmente, a presidenta anunciou que estase preparando unha nova campaña, “Abraza un Caan”, un paso máis para promover as adopcións e para visibilizar aos animais que neste momento se atopan no centro, que son 350. “Queremos _explicou_ que sexa unha campaña moi de sensibilidade, moi emocional. Para iso o primeiro que imos facer é que as deputadas e deputados provinciais vaian ao CAAN para abrazar a un can ou cadela, e subiremos ás redes esa relación directa de emocións e de cariño cos animais. E logo a estenderemos aos centros educativos. Iso o faremos unha vez que estean rematadas as obras no centro porque haberá un espazo que permita esa relación directa en liberdade dos cans e cadelas cas nenas e cos nenos. Cremos que hai que concienciar dende o berce, que sintamos aos animais parte da nosa vida”.

- Publicidade -spot_img