
Habitaban nunhas casas pétreas e ovales protexidas por murallas ciclópeas. Por algunha razón decidiran vivir pendurados a 190 metros sobre o nivel do mar.
Eran labregos que coñecían as artes da moenda, da cría do gando e os segredos da olaría. Gravaron as rochas circundantes con coviñas e outros deseños abstractos cuxa mensaxe perdeuse co paso dos milenios. Dominaban os metais e gustaban de facer colares con sementes e doas. Non estaban sos, cohabitaban con outros grupos asentados nos montes e vales próximos. Ninguén hoxe coñece os seus nomes, nin a súa fala. Un día marcharon, sen máis.
Máis de dous milenios despois…
A mediados dos anos oitenta do século pasado unha máquina golpea contra un substrato rochoso ao intentar abrir unha pista forestal no monte A Pinceira, no limiar das parroquias de San Martiño de Borreiros e Santa Eulalia de Donas (Gondomar). Os membros da comunidade de montes de Borreiros ordenan deter de inmediato os traballos. Saben que a veciñanza máis lonxeva nomea o lugar como “O Castro dos Mouros”. Un equipo de arqueólogos confirmará días despois a deturpación parcial dunhas construcións de tipo castrexo por mor da devandita pista.
A LENDA

Conta a lenda que unha moura que peiteaba os seus cabelos e abraiaba aos mozos do lugar sentaba na rocha que hoxe dá nome ao petróglifo coa pegada dos seus pés: A Pedra Moura. Tamén a existencia dunha cavidade na parte inferior da rocha que levaría a dous túneles. O primeiro, tan longo que permitiría chegar até o Monte Boi en Baiona e onde se atoparía un tesouro deixado polos mouros. Mais tamén habería outro onde quen teña a mala fortuna de entrar nel… morrería
Un museo castrexo a ceo aberto.
A pegada dos mouros labregos saía á luz. Entre 1985 e 2007 terán lugar tres campañas arqueolóxicas neste castro que será incluído no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia co nome de Castro da Pedra Moura. O informe da arqueóloga Carmen Torres Bravo (2008) o situará na Idade do Ferro, moi probablemente habitado dende antes da chegada dos romanos no século I a.C.
Hoxe é un museo a ceo aberto de case 3 hectáreas. A comunidade de montes de Borreiros ordenou o deseño dun sendeiro tras recuperar parte da antiga aldea soterrada na Pinceira. Paneis con información arqueolóxica axudan aos visitantes a interpretar a vida cotiá daqueles devanceiros. As bases dalgunhas casas, o foxo e muralla defensiva así como os míticos gravados da Pedra Moura son as súas xoias máis salientables.
Miradoiro natural ás Rías Baixas.
O monte de A Pinceira é un miradoiro natural onde contemplar e fotografar unha paisaxe abraiante. Ao norte a Ría de Vigo emerxe a plenitude e obsequia as siluetas do Morrazo e as Illas Ons. Indo cara ou leste os montes do Maúxo, o Monte Alba, a Serra do Galiñeiro e os primeiros cumios do parque Aloia. Cara o sur a inmensidade da Serra da Groba que pecha a visita circular cunhas vistas privilexiadas da baía de Baiona, as Illas Estelas, o Parque Nacional das Illas Cíes e máis próximo a unión do Río Miñor co Océano Atlántico na Foz.

Rodeado das modernas plantacións de piñeiros e eucaliptos, A Pinceira inda libera nas tardiñas os cheiros fachendosos de centos de especies vexetais que conforman coa pequena fauna local un escenario de biodiversidade que dá outro toque de encanto ao paseo.
Realidade aumentada : Descargando estes códigos QR no móbil poden consultarse todos os topónimos dos enclaves naturais e humanizados das parroquias de Borreiros e Gondomar. (Códigos QR Web Donas e Borreiros)

Recomendacións: A ruta non presenta ningún tipo de dificultade física. Levar calzado adecuado e algo para beber. Non deixar lixo nin levar obxecto algún do xacemento.

Quen percorra o Castro da Pedra Moura cun móbil con conexión a internet poderá aumentar a súa experiencia da visita consultando os topónimos e lendas recollidas na zona entre 2013 e 2015 por Anxo Rodríguez Lemos do Instituto de Estudos Miñoranos.

Cómo chegar: (Mapa) Non existen carteis informativos nas carreteiras circundantes. No mapa sinálanse as rutas máis accesibles.
*Por Álvaro Peralta Techera [Reportaxe incluída no número 12 da revista COUSAS DE Val Miñor -]



