Inicio Pontevedra Baixo Miño A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María...

A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María A Real de Oia

A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María A Real de OiaErguido ao pé do bravío océano, sobre o Porto onde cada setembro o mar depositaba a barda de San Cosme, o mosteiro de Santa María A Real de Oia converteuse, pola súa situación no mesmo litoral, ademais de nunha casa cisterciense inusual, nunha fortaleza dotada de armamento e munición.

Como un dos principais titulares do señorío galego do século XVIII con 1344 vasalos e un dominio de 68,20km2 (Eiras,1989), Oia experimenta ao longo do século XVIII un gran período construtivo con obras que inclúen a construción da súa torre campanario, emprazada sobre o brazo norte do transepto e sancristía. Un dos tombos de Oia recolle en tempos  do abade don Carlos Suárez (1741-1744), xunto á construción do retablo maior de Pedornes, a feitura da torre construída polo mestre canteiro guardés Juan da Lomba[1]. A espadana sería reformada polo abade Don Manuel Troncoso (1753-1756) ao ser “ derribada por el viento” (Yáñez, 1974:68) Engádelle o tombo a este abade a obra do reloxo “que también hizo nuevo” aínda que, a súa data, segundo a inscrición, sexa 1734. A torre dividida en dous corpos superpostos, que destaca no conxunto monástico facéndose visible na contorna, posúe fábrica de pedra en perpiaño con planta cuadrangular. Nas súas paredes ábrense ata catro vans para a iluminación interior dunha escaleira de 81 chanzos. A balaustrada pétrea, que marca o cambio de corpo, pecha perimetralmente o corpo das campás no que se abren, baixo arcos de medio punto flanqueados por pilastras angulares de fustes retundidos (Pereira,2003:218) os vans para as campás. Dos catro vans da torre, só dous posúen campá nos nosos días.

A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María A Real de Oia
A campá pequena ou do sur fundida en 1937

A campá do sur, fundida en 1937 e sostida por xugo do 2002, presenta entre os seus elementos decorativos: puntillas de arredor baixo as súas asas e unha gran cruz, formada de estrelas de cinco puntas no espazo central enmarcada por catro arestas en cerco entre as cales se le: Banda superior: JHS MARÍA Y JOSÉ AÑO DE 1937

Sobre a boca, atopamos gravado, aínda que de lectura dificultosa, o nome de Laureano Ocampo, testemuña da súa fundición no obradoiro dos Ocampo en Arcos da Condesa (Caldas de Reis). Un dos catorce fillos de Juan Ocampo e Josefa del Río Baliñas, axudante no taller de fundición xunto aos seus irmáns Manuel, José e Julio (García, 2012:90), aparece “firmando” na década dos 30 esta campá oiense.

A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María A Real de Oia
Detalle Campá Grande de Oia

Descoñecemos, sen embargo, a autoría da campá grande e setentrional de 1865 que conserva o contrapeso antigo ademais do sistema de fixación tradicional a base zunchos ou ferraxes. Nunha das súas caras aparece novamente a cruz como elemento ornamental pero, sobre todo, como protector.

Banda superior: IHS MARÍA JOSÉ 1865

Banda central: SANTA MARÍA LA REAL DE OYA

Banda media: POPULUM CONVOCO PRO DEFUNCTIS PLORO TEMPESTATEM FUGO FESTAQUE DECORO

Banda inferior: SIENDO PÁRROCO D. LORENZO GÓMEZ

CONCILIARIOS MANUEL GONZALES CAVIEDES Y MANUEL PÉREZ

Queda claro que, alén da súa función ornamental, as inscricións das nosas campás son unha fonte documental complementaria, de primeira orde, aínda que pouco estudadas. A mesma sorte parecen correr os seus toques, unha linguaxe en perigo de desaparecer para sempre e que muda dunha parroquia a outra.

OS TOQUES DE SANTA MARÍA DE OIA:

O nordés cortaba o bico mentres se tocaba, dende a torre, aos defuntos de Oia que, dende a igrexa, se encamiñaban ao camposanto. Os seus toques esmorecíanse coas ondas do mar baixo o cupulín que remata a torre. Cada morto levaba un toque, xa dende a véspera, segundo do barrio de onde fose natural pola man do sancristán que abría sinal. Cantos anos tanguerían os fillos do Fandango e da Roupeira! Os defuntos máis pequenos coñecidos como Anxeliños, tiñan toque alegre, como de festa, a base dun repique coas dúas campás no que, ambas, finalizaban co toque identificativo do lugar de orixe. Porque cada barrio tiña o seu. Ao Arrabal tocaba unha badalada na campá grande e dúas na pequena seguindo unha serie de carreiras ata que, ao cabo duns vinte minutos aproximadamente, coas dúas a un tempo, “choraba” un badaleo. A Chavella seguía o mesmo sino pero mudando o final, a base de dous toques en cada unha, mentres para A Riña eran tres badaladas. Aquel choro das campás que acompañaba ata a sepultura marcaba tamén a oración, media hora antes; o toque de defunto propiamente dito e a chamada a misa, completada coa saída da comitiva fúnebre dende o adro.

A-campí-pequena-ou-do-sur-fundida-en-1937-.
Campá Grande de Oia

Ao cabo do ano, repetíase a mesma faena pero ao abrigo, dende a parte baixa da torre, sen necesidade de subir á torre. Os propios frades idearan o xeito de non subir, como se aprecia nun dos chanzos furados das escaleiras, á hora de tocar os  rezos, oracións, aniversarios ou simple chamada a refectorio. Entre os toques ordinarios da igrexa conventual estaban os toques de alba, ao romper o día; o toque das doce e, á noite, o toque a oración. Xunto a eles e os repiques dos días grandes, estaba a chamada a misa, un toque composto de tres. O toque a oración ou das Tres Aves Marías, precedía media hora á misa, comezando pola campá maior con 25 badaladas e seguindo, outro tanto, coa pequena coa que dan 3 badaleos finais. Os domingos, sen embargo, engadíase un segundo toque un cuarto de hora antes da misa na campá grande, de aviso, previo ao toque dos 5 minutos anteriores ao comezo da misa, onde, xunto a unhas 20 badaladas na maior, se remataba con 3 finais. Neste grupo, poderíamos incluír o toque de gloria, apoxeo da celebración da Semana Santa en que se repicaban as campás a un tempo en aviso da Resurrección do Noso Señor, ou incluso o sino propio do Día de Fieis Defuntos en que as campás ventaban a morte sen especificación do barrio. Entre os toques extraordinarios figuraban o toque de arrebato a lume, avisado coa campá grande, e o de néboa, empregado cando as gamelas ían ao mar e non podían entrar polo fumaso no Porto. Neste caso, avisaba tamén a campá grande cun badaleo espazado.

A torre do campanario e as campás do mosteiro de Santa María A Real de Oia
A negra sombra da torre sobre as hortas monásticas

Xa non queda o aviso do Sálvalle a raia que o ribeireiro ou pedáneo berraba dando conta da chegada de bardas de argazo ao pé do mosteiro, pero aínda estivemos a tempo de recoller, de persoas como a señora Jesusa Crespo Domínguez (Susa) ou de Matilde Álvarez Pombal e do seu irmán, os recordos dunhas campás que, como figura na maior de Oia, “ao pobo convocan, polos defuntos choran, ao temporal escorrentan e á festa adornan”.

Por Anxo Rodríguez Lemos, historiador e doutorando na Universidade de Santiago de Compostela

PARA SABER MÁIS:

EIRAS ROEL, A. (1989) “El señorío gallego en cifras: nómina y ránking de los señores jurisdiccionales” en Cuadernos de Estudios Gallegos, t. 38, .n.103, p.132-134

García Alonso, C. (2012) As campás galegas: fundicións. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, p.90

Yáñez Neira, M. (1974) El monasterio de Oya y sus abades. Diputación Provincial de Pontevedra e Concello de Oia, Vigo: Artes Gráficas Galicia.

Pereira Morales, A.M. (2003) El monasterio de Santa María de Oia. Intervenciones arquitectónicas del siglo XVIII, en Quintana, n.2, pp.211-225.

Pereira Molares, A.M. (2006) Arquitecturas y arquitectos en la diócesis de Tui. Siglos XVII y XVIII. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, pp. 182-189.

[1] Arquivo Histórico Nacional, Fondo: Mosteiro de Santa María de Oia, Sig. CÓDICES, L.60. f.10v-11r.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

695FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies