
O municipio de Cangas do Morrazo é moi coñecido polo gran atractivo da súa costa,, ven de poñer en valor unha boa parte dos seus camiños e do seu monte, ese gran descoñecido que está presente en toda a superficie do concello, con impresionantes miradoiros que comparten vistas espectaculares ás tres rías que nos circundan: a de Vigo, a de Aldán e a de Pontevedra, así como aos arquipélagos que protexen ás mesmas: o das Illas Cíes e o da Illa de Ons.
Se trata de cinco novos sendeiros que se suman aos que xa existían: a Senda Costeira entre Cangas e Donón, e o Sendeiro Azul, entre Cabo Home, Donón e o Monte do Facho. Ademais, existe unha nutrida rede de camiños e pistas que, aínda que non sinaladas, están ahí para ser camiñadas e que foron usadas dende outrora polos veciños para comunicarse dunha aldea a outra, como era o caso das leiteiras de Ermelo, no límite con Bueu, que baixaban a diario a vender o leite por antigas corredoiras, ou veciños do rural que viñan cargados polos camiños cos feixes de toxo e leña para alimentar aos fornos e as lareiras.

Toda esta aposta polos sendeiros parte da Concellaría de Turismo do Concello de Cangas, en colaboración coas Comunidades de Montes de Coiro, Darbo e O Hío, e da Escola Obradoiro Granxa da Rúa.

O propósito principal desta actuación ten dúas orixes diferentes. Por unha banda, a necesidade de desestacionalizar o turismo, é dicir, procurar atraer xente a Cangas non só no verán, senón durante todo o ano, e que as praias e o azul do mar non sexan o único motivo, senón tamén os montes e o verde dos nosos bosques. É un feito constatado que cada vez mais, os visitantes demandan rutas de sendeirismo e o noso Concello conta, nas súas parroquias, con gran número de sendeiros, algúns deles totalmente pechados, pola falta de uso.
Cangas goza ademais, dunhas condicións climáticas privilexiadas, cun microclima particular e a chuvia non debe ser un problema para botarse a camiñar. Se países coma Irlanda, con altos índices de pluviosidade, teñen unha gran tradición sendeirista ….porqué non se poden dar aquí as mesmas circunstancias.
Pola outra banda, e despois de todo o vivido coas limitacións da pandemia da Covid-19, se puxo de manifesto a necesidade de buscar novas alternativas de ocio ao aire libre e aínda que xa os camiños estaban acá, o que se fixo foi limpar, rozar e abrir, sinalizar e darlles publicidade, para que calquera persoa, veciño ou visitante, poida acceder con facilidade a calquera das rutas. Con estes sendeiros, tamén se busca desconxestionar certas zonas e recursos turísticos que, pola facilidade de acceso en coche e pola súa espectacularidade, se tornan multitudinarios e saturados, soportando unha capacidade de carga desmesurada.

Os sendeiros novos, cunha lonxitude que oscila entre os 3 e os 11 quilómetros, e con ascensos moderados, atravesan zonas de gran valor paisaxístico, elementos do patrimonio histórico-artístico, e zonas de bosque autóctono como carballos ou castiñeiro.
Se queredes completar máis a información, podedes consultalo no último número da nosa revista.



