spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraNovos Cinemas acollerá na súa apertura a estrea en Galicia de ‘A...

Novos Cinemas acollerá na súa apertura a estrea en Galicia de ‘A Virxe Roxa’ de Marcos Nine

Novos Cinemas acollerá na súa apertura a estrea en Galicia de ‘A Virxe Roxa’ de Marcos Nine
Fotograma de ‘A Virxe Roxa’

O filme, que se verá en Pontevedra o próximo 14 de decembro, narra a historia real de Hildegart Rodríguez, nena prodixio e ensaísta política e social, á quen a súa nai Aurora matou a tiros mentres durmía ao non verse executado o plan de futuro de ‘libertadora da muller’ que tiña ideado para ela.

Novos Cinemas presenta para a súa sexta edición, que se celebrará entre os próximos 14 e 19 de decembro, dúas propostas de apertura e peche á marxe de modas e correntes e guiadas por unha a radicalidade estética que se manisfesta neses universos, tan singulares como inmediatamente recoñecibles, como son o de Marcos Nine e o de Chema García Ibarra. Os seus últimos e esperados traballos, A Virxe Roxa (Recrea Films), en rigorosa estrea en Galicia, e Espíritu Sagrado (Apellaniz y de Sosa, Jaibo Films, La Fabrica Nocturna Cinéma, Teferruat Film), respectivamente, estarán acompañados pola presenza dos cineastas para conversar co público asistente ao festival.

Novos Cinemas acollerá na súa apertura a estrea en Galicia de ‘A Virxe Roxa’ de Marcos Nine

Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán “Morris” son os encargados de poñer as voces no documental de creación A Virxe Roxa, de Marcos Nine, que poderá verse en exclusiva en Galicia abrindo Novos Cinemas o 14 de decembro despois da súa estrea na Seminci. Nel nárrase a historia de Aurora Rodríguez, que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai, que a criou e educou para que fose a libertadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaba previsto.

Clausurará a sexta edición de Novos Cinemas ‘Espíritu sagrado’ o esperadísimo debut na longametraxe de Chema García Ibarra, no que se retrata unha España de barrio que colma as súas ansias de fe no sobrenatural.

O 19 de decembro Chema García Ibarra clausurará o festival con Espíritu Sagrado, o seu esperado debut na longametraxe. Nunha obra tráxica e divertida ao mesmo tempo, García Ibarra céntrase na historia de José Manuel e o resto de membros da asociación ufológica Ovni-Levante, que se reúnen semanalmente para intercambiar información sobre mensaxes extraterrestres e abducións. Julio, o seu líder, morre inesperadamente deixando a José Manuel como o único coñecedor do segredo cósmico que pode alterar o porvir humano.O filme achégase de xeito sutil á lenda da España negra: crime, ocultismo, misterio… baixo unha capa de cotidianeidade e un retrato non paternalista de clase traballadora.

“Os entes”, un obradoiro onde a arte pasa a un primeiro plano

Novos Cinemas e a ECAM suman forzas para desenvolver o obradoiro “Os entes”, impartido por Chema García Ibarra e Leo Díaz, que traballa con el nos seus proxectos dende a dirección de arte. A formación terá lugar o xoves 16 e o venres 17 de decembro na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e contará con 10 prazas con descontos para o estudantado na inscrición, que estará aberta dende hoxe mesmo en novoscinemas.com.

Nel analizarase a posición que ocupa todo o que está diante da cámara -xa sexa téxtil ou humano-. Os dous porán o foco en que as cortinas e as persoas reciben a mesma atención á hora de compoñer as imaxes, unha cunca pode narrar o mesmo que varios diálogos e unha gorra ter valor dramático. O proceso de selección de persoas e o proceso de selección de mobles e indumentarias son paralelos e sinérxicos. Leonor Díaz (dirección artística e vestiario) e Chema García Ibarra (guión e dirección) falarán deses procesos conxuntos a partir das súas películas e mostrarán que, para eles, todo o que se coloca ante o obxectivo é un ente que merece o mesmo nivel de atención, agarimo e respecto.

- Publicidade -spot_img