Hoxe tivo lugar no Auditorio Municipal de Nigrán, a presentación da Exposición Bicicletas Antigas en homenaxe a Luís Molist.
Á mesma asistiron o homenaxeado e a súa familia. Por parte do Concello de Nigrán, o alcalde Juan A. González acompañado polo Concelleiro de deportes Luís Sanromán.
A exposición estará aberta ao público desde o 23 de agosto ao 1 de setembro en horario de 11:00 h. a 13:30 h e de 18:00h a 20:30 h. e a entrada será libre.
Con esta exposición preténdese realizar unha homenaxe a Luís Molist que, aos seus 94 anos, continúa mantendo o seu propio museo de bicicletas en Praia America. A súa colección así como as clásicas de Antonio Piñeiro son o eixo central desta Exposición, que se complementa coa xenerosa colaboración de pezas da colección de Manuel Pazó.

Nesta Exposición exhíbense bicicletas con máis dun século nas súas rodas, desde os primeiros velocípedos do século XIX ata moitos dos modelos e marcas que sempre estarán presentes na memoria. Desde bicicletas que protagonizaron películas ata aqueles pequenos triciclos escola de moitos.
Pero ademais de contemplar aquelas xoias do pasado, uns dos atractivos da exposición é mostralas próximas á súa época con recreacións que seguro farán a máis dun lembrar a súa infancia ou a súa mocidade, coas cousas e obxectos que estaban presentes na vida diaria e tiveron importancia para o mundo da máquina e os ciclistas.
Vemos a evolución técnica de moitas pezas e como cambiou a mecánica e a reparación, e unha moi importante colección de pezas, accesorios e faros, como un orixinal faro cunha vela no seu interior para iluminar os camiños.
Todo un percorrido para gozar da bicicleta e os recueros que sempre a acompañan.




