O regatista sevillano do Real Club Marítimo de Punta Umbría é o actual campión de España de 2.4 mR e o titular do equipo español desta clase que competirá en setembro nos Xogos Paralímpicos Río 2016
Arturo Montes recibirá este ano o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor deportista paralímpico do ano tras alzarse campión de España de 2.4mR e converterse no titular do equipo español desta clase que competirá o próximo mes de setembro nos Xogos Paralímpicos de Río 2016.
O deportista do Real Club Marítimo e Tenis de Punta Umbría chega todo o máis alto da vela paralímpica cinco anos despois de ser arroiado por unha embarcación mentres nadaba no Algarve portugués, un grave accidente que o deixou un mes en coma e provocoulle a perda dunha perna.
Tras unha longa e dura recuperación, Montes volveu a un deporte co que xa gañara a Copa do Rey e participado na Barcelona World Race, pero nunha clase nova, a 2.4mR, á que tivo que adaptarse. Aos poucos foron sucedéndose as vitorias e neste 2016, o sevillano logrou cumprir un dos seus soños, o de acudir a uns Xogos Olímpicos representando a unha clase que, por vez primeira, non vai como convidada, senón por méritos propios.
“Foi un ano”, di Montes, “de moitas alegrías, pero tamén de moito traballo e sacrificio, con adestramentos moi intensos no centro de alto rendemento do Porto de Santa María, ao que tiña que acudir 3 ou 4 veces á semana conducindo durante máis dunha hora. A participación nos Xogos Olímpicos e o Premio Nacional de Vela Terras Gauda, son un impulso -asegura- para seguir navegando e adestrando con máis ganas se cabe, e para animar a outras persoas con discapacidade a practicar deporte”.
Precisamente o seu traballo para impulsar o deporte da vela entre persoas con discapacidade é outros dos motivos que tivo en conta o xurado dos Premios Nacionais de Vela á hora de outorgarlle o galardón.
Arturo Montes fundou hai anos a Asociación IN para o fomento do deporte adaptado, desde a que todo tipo de persoas con distintas discapacidades poden achegarse e practicar diferentes deportes, e mesmo adestrar para competir ao máis alto nivel.
Os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda entregaranse o próximo 3 de setembro no Monte Real Club de Yates de Baiona, nunha gala á que Arturo Montes non poderá asistir porque estará xa en Río preparándose para competir. Recollerá o premio no seu nome a presidenta da Asociación Española da clase 2.4mR, Teresa Silva.




