O Auditorio Municipal acollerá as disputas de Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira fronte aos portugueses Tiago Maroto e Andrés Sampaio

O Concello de Nigrán ofrece mañá sábado no Auditorio Municipal (20:30 horas) o seu segundo certame de regueifas. Unha vez máis, a través da asociación ORAL, o consistorio programa unha disputa entre os máis recoñecidos regueifeiros de Galicia e Portugal: Benito Lobariñas, Josiño da Teixeira e os lusos Tiago Maroto e Andres Sampaio. O obxectivo, ademáis de pasar un rato divertido, é contribuir dende o Concello de Nigrán a divulgar e manter viva esta tradición oral milenaria. A entrada é de balde ata completar o aforo.
A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso de orixe ancestral. As súas claves son a rapidez e a espontaneidade, xa que carece de interludios musicais e de pausas, pero sobre todo nútrese de enxeño, porque é o que fai que o público se entusiasme coa capacidade de saír airosos dos envites máis agudos en décimas de segundo e de forma totalmente improvisada, como se fosen prestidixitadores da lingua. Lobariñas é gaiteiro compoñente do grupo Zurrumalla, ademáis de letrista da comparsa de Antroido “Os da Taza” do Morrazo, sendo desta vena lirico-humorista de onde procede a súa querencia polas coplas vitriólicas e a súa vagaxe para pasarse ó verso. Pola súa banda, Josiño da Teixeira é un músico polivalente da comarca do Viso (Redondela), é percusionista e cantante no grupo Tanto Nos Tén (Música tradicional furtiva, docente tamén de moitos obradoiros de regueifa polos centros de ensino, é un dos regueifeiros máis recoñecidos e ten como características máis subliñabeis a rapidez e o enxeño na produción, teatralización e un humor acedo e retranqueiro. Os dous galegos farán fronte a representación lusa formada por Tiago Maroto e Andres Sampaio, dous dos artistas máis recoñecidos do país veciño.



