spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán festexa o Día das Letras Galegas con un programa cheo de...

Nigrán festexa o Día das Letras Galegas con un programa cheo de actividades

nigran-festexa-o-dia-das-letras-galegas-con-un-programa-cheo-de-actividadesO acto central terá lugar o propio día 17 coa actuación especial no Auditorio Municipal da coral tradicional galega Cantares do Brion

O Concello de Nigrán deseña por vez primeira un programa cheo de actos culturais para festexar o Día das Letras Galegas. Entre o propio día 17 de maio e o domingo 22 o Auditorio Municipal e a praza do Concello serán escenarios de teatro, música e xogos populares na honra de Manuel María, autor homenaxeado este ano. O acto central, o propio 17 ás 20:00 no Auditorio, contará coa actuación da coral tradicional galega Cantares do Brión (de Vincios, Gondomar), que interpretará para a ocasión un repertorio especial con pezas de Manuel María.

A Biblioteca Municipal abrirá a programación da semana cun contacontos infantil o luns 16 ás 18:00 horas. ‘Contos nacidos no mar’, con Raquel Queizás, vai dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos.

Xa o día seguinte, Caxoto Contacontos (martes 17 ás 18.00 horas no Auditorio Municipal) Felipe Díaz, ‘Caxoto’, porá en escena ‘Carteiro en bicicleta’, un espectáculo onde conflúen varias disciplinas a partir das experiencias e vivencias dun carteiro “dos de antes” que nos fala do seu traballo. Este home é unha persoa moi curiosa que ademais de percorrer as rúas de casa en casa, aproveita para coñecer a historia de cada unha, dos seus nomes, das súas efeméredes… e, sobre todo, as dos grandes autores da literatura galega: dende Rosalía de Castro, Castelao, Cunqueiro… ata Manuel María. Ás 20.00 horas terá lugar o acto central con ‘Cantares do Brion’ e un recital da poesía de Manuel María.

O sábado 21, dende as 16.00 ás 19.00 horas a Praza do Concello será o escenario de xogos populares de enxeño, habilidade, lanzamento e taboleiro propios de tódalas comarcas de Galicia e incluso de fora da comunidade. A continuación, ás 19.00 horas no Auditorio, terá lugar a representación de ‘Os contos de Barriga Verde’, da compañía Os sete magníficos. Fran Rei presenta un espectáculo unipersoal que mestura narración oral, humor e maxia: ‘O Conto de Barriga Verde’. Escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os Soños na Gaiola e Aventuras e Desventuras dunha Espiña de toxo chamada Berenguela), ‘O Conto de Barriga Verde’ pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense.

Finalmente, o domingo 22 ás 20.00 horas terá lugar a representación  ‘O asombro de Manuel María’, da compañía Fantoches Baj. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos con textos de Uxío Novoneyra e Manuel María que pretende conmover e achegar ao público a obra de dous dos máis grandes poetas galegos do século XX.

Tódalas representacións  e actividades están pensadas para un público familiar.

- Publicidade -spot_img