Baixo o título “Mulleres en acción: violencia zero” a Deputación de Pontevedra impulsa ata o 25 de novembro a realización simultánea en dez cidades da provincia de diversas accións artísticas para chamar a atención sobre o problema das violencias machistas.
Co gallo da apertura da mostra onte en Tui, realizouse unha visita guiada á que asistiu o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, así coma a deputada Digna Rivas e os concelleiros tudense Yolanda Rodríguez, Mª José González e Laureano Alonso. Participaron tamén unha trintena de alumnos de 1º da ESO do colexio Maristas, entre outras persoas.
É unha exposición itinerante que ata finais de ano amosará en distintos concellos da provincia as performance realizadas o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero e que estrá en Tui ata finais do mes de maio, pódese visitar na zona anexa da Sala de Exposicións Municipal. Da man da artista Mónica Mura inauguróuse esta mostra que recolle os resultados do proxecto de acción artística contemporánea “Mulleres en acción: Violencia Zero”, levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público de dez concellos da provincia, entre os que se atopaba Tui.
O proxecto “Mulleres en acción: Violencia Zero” foi unha proposta que se desenvolveu o pasado 25 de novembro nos concellos de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis, co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica ó tempo que promover a visibilidade das artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, da experiencia e da creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.
Artistas como Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de dar corpo a “Mulleres en acción: violencia zero”. Os resultados das súas performances poderán verse a partir do hoxe e durante todo o mes de maio en Tui, en xuño a Moaña, en xullo a Redondela, en agosto a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Caldas e, finalmente, en novembro a Vigo.




