A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia. ‘A Dona do Esteiro’, adicado a súa nai, é un chamamento en defensa da natureza e da identidade propia do Val Miñor
A desbordante beleza da ‘Dona do Esteiro’ asolaga xa o núcleo urbano da Ramallosa ata convertelo nun lugar irrecoñecible. Este ‘milagre’ natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas é obra da artista internacional Lula Goce, a quen o Concello de Nigrán contratou a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares.
A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa.
“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da Piscina Mancomunada, o parking municipal e toda a zona comercial, á que queremos apoiar con esta baza positiva. A transformación que supón da contorna é espectacular e a acollida da xente marabillosa; será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, considera o alcalde, Juan González, quen avanza que o propio terreo onde se ubica será tamén humanizado polo Concello para facer del un verdadeiro punto de encontro entre a veciñanza.
Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.
Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.