spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán dota ás principais praias do concello de material adaptado para facilitar...

Nigrán dota ás principais praias do concello de material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade

Nigrán dota ás principais praias do concello de material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade O Concello de Nigrán, dentro do seu proxecto de inclusión integral ‘Un Nigrán para todos’, estrea este verán nos seus principais areais material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade.

En total, o Concello investiu 5.000 € en tres andadores e tres xogos de muletas especialmente deseñados para o uso na area e unha nova cadeira anfibia que se suma á xa existente. O material está a disposición dos usuarios con necesidades especiais que o soliciten nos respectivos postos de socorrismo de Praia América, Panxón e Patos, no horario en que estos están abertos (de 12:00 a 20:00 horas). O servizo de baño en cadeira anfibia, como xa viña sendo habitual, ofrécese no posto de Praia América e sempre baixo a tutela dun dos dous socorristas que alí están sempre presentes.

“Queremos que as praias, un dos maiores atractivos de Nigrán, sexan  accesibles para todos e non limiten a ninguén. As persoas con discapacidade ou con problemas físicos teñen que ter dereito a poder vir e gozar dun baño, polo que dende o Concello implementaremos todo tipo de medidas nesta liña, como é este caso”, sinala o alcalde, Juan González, quen recorda que o ano pasado o Concello investiu 45.000 euros na construción de aseos adaptados en Praia América, Patos, Area Fofa e A Madorra, así como na instalación de ramplas de acceso para cadeiras de rodas en Praia América.

As persoas con problemas de mobilidade teñen dificultade para manexarse pola area e bañarse no mar debido a que as cadeiras de rodas, bastóns e  andadores convencionais non están deseñados para esta superficie (salvo excepcións). As cadeiras anfibias, grazas á súa  flotabilidade e as súas grandes rodas, permiten entrar na auga e mergullarse baixo a tutela dun socorrista. Asemesmo, os andadores-cadeira e as muletas con base de apoio amplia (ambos especiais para praia) posibilitan tamén o baño ás persoas que presentan algún problema físico.

“Trátase dun paso máis dentro do noso proxecto de inclusión integral ‘Un Nigrán para todos’. Neste municipio camiñamos cara a plena inclusión das persoas con discapacidade física ou sensorial, neste eido buscamos a excelencia, non nos conformamos”, resume o rexedor.

- Publicidade -spot_img