Inicio Pontevedra O Salnés Silva reivindica na Lanzada a necesidade de que desde a infancia, nenas...

Silva reivindica na Lanzada a necesidade de que desde a infancia, nenas e nenos se conciencien na loita contra as violencias machistas

Silva reivindica na Lanzada a necesidade de que desde a infancia, nenas e nenos se conciencien na loita contra as violencias machistasA presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistiron esta mañá, no Centro Vacacional da Lanzada, á presentación da décimo sexta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que busca darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas e dar a coñecer ás artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Ao acto asistiron os 200 nenos e nenas que están a participar na cuarta quenda dos campamentos de verán “Depo Aventura A Lanzada”, que interactuaron activamente coa artista, e aos que a Presidenta da Deputación de Pontevedra pediu a súa implicación activa na loita contra a violencia machista. “As crianzas teñen que vir con nós neste camiño. Mírovos a todos e todas vós e creo que vai cambiar todo porque nun futuro seredes persoas formadas que viviredes nunha sociedade máis avanzada e que entenderedes que a igualdade nos fai máis felices a todas e todos”.

A artista, Paula Fraile, foi a encargada de denunciar este tipo de situacións mediante o pintado dun gran mural titulado ‘Indiferenza’ nunha das paredes das pistas deportivas do Centro Vacacional da Lanzada. Con esta obra, que está previsto que remate ao longo do día de hoxe, Fraile reflexa os momentos de violencia machista que ela viviu en primeira persoa a través de cores que transmitan esperanza. A artista comentou coas rapazas e rapaces, que lle fixeron incesantes preguntas, o significado da súa obra e o xeito no que pinta os murais.

Silva lembrou durante o acto ás 27 mulleres asasinadas polas violencias machistas no que vai de ano. “Isto e insoportable. Ademais, os últimos datos indican que, en Galicia, os casos de violencia machista aumentaron un 17%”, indicou a Presidenta, que tamén sinalou “a enorme capacidade da arte para cambiar as conciencias”, razón pola que “temos que darlle visibilidade ás mulleres da cultura para que plasmen dende a súa arte o rexeitamento fronte ás violencias que sofren as mulleres”.

Ante os rapaces e rapazas, de entre 8 e 13 anos, Carmela Silva tamén lembrou a loita histórica das mulleres por ser recoñecidas no ámbito público. “Durante séculos e séculos ás mulleres ocultáronnos e silenciáronnos. Dixéronnos que o noso posto no mundo é no ámbito privado. Por exemplo, coidando ás persoas maiores, ás persoas con diversidade funcional, aos enfermos e enfermas… Pero nós cansámonos e dixemos que non. Nós queremos utilizar todos os espazos. E isto estase a producir grazas a que moitas mulleres se organizaron durante anos para poder reclamar os nosos dereitos”, asegurou a Presidenta, que a modo de exemplo lles preguntou ás rapazas e rapaces “por que tivemos que esperar 40 anos a que houbese unha muller Presidenta dunha Deputación en Galicia?”, ou “por que non houbo nunca ningunha Presidenta da Xunta nin ningunha do Estado?”.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en ámbitos como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía ou o graffiti, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro do ano pasado e celébrase nesta edición en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, O Grove, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

38FansGóstame
271SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies