A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pronunciou o pregón das Festas do Monte da Guarda nun acto no que puxo de manifesto a importancia desta celebración no modelo turístico de Galicia por conseguir deixar un rico legado que permite que esta festividade se teña celebrado desde o século pasado “con ilusión, hospitalidade e poñendo en valor os nosos recursos”, indicou.
Neste sentido, Nava Castro recordou o papel da Sociedade Pro-Monte Santa Tegra na posta en marcha desta festividade permitindo que o que comezou sendo unha celebración relixiosa e familiar se teña convertido nun dos festexos máis populares e de gran difusión desta comarca do Baixo Miño. Nava Castro dedicou tamén as súas palabras ás ducias de mariñeiros que durante estes anos veñen mantendo a tradición durante o Domingo do Monte de xurar con viño prometendo que volverán ao ano próximo “exemplificando ese sentimento tan propio e tan característico da Galicia mariñeira”, indicou.
A directora de Turismo de Galicia tamén recordou o potencial turístico deste concello pontevedrés, destacando especialmente o Monte de Santa Tegra, a súa estratéxica situación xeográfica na desembocadura do Miño, os seus miradoiros naturais, a súa proximidade a Portugal e a súa pegada xacobea como parte do itinerario do Camiño Portugués da Costa. Ademais, salientou a singularidade deste destino co traballo das redeiras e tamén desde o punto de vista gastronómico coa lamprea, sendo un dos concellos integrados na Ruta da Lamprea e onde destacan recursos etnográficos como as gamelas.
As Festas do Monte da Guarda celebraranse durante esta semana neste concello pontevedrés con diferentes actividades culturais, musicais e gastronómicas. É unha das máis de 120 festas de Interese Turístico de Galicia coas que conta a Comunidade e este ano conmemora o seu décimo aniversario con este recoñecemento.



