A Asociación Cultural Peis d’hos, presenta as IV Xornadas Etnográficas do Morrazo: música, baile, traxe e concienciación medioambiental, que terán lugar do 1 ao 10 de setembro nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. As XEM estan organizadas por esta asociación e promovidas pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo
“Queremos agradecer o apoio das administracións públicas a este proxecto etnográfico que cada ano vai medrando máis e que xa é un referente no panorama cultural galego. Gracias por apostar pola nosa cultura”- comenta Miguel Sotelo, director artístico das Xornadas Etnográficas do Morrazo.
O cartel desta edición é obra do pintor cangués Camiño Camaño Gestido
O día grande da Mostra, terá lugar o domingo 4 de setembro e será albergado polo Concello de Cangas. Volve, deste xeito, ao lugar que a veu nacer no 2018. Participarán as agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e Trébede do Morrazo. Este ano, como novidade, acompañarase cunha Mostra de Artesanía ao longo de todo o día, que estará situada na rúa Méndez Núñez, a poucos metros do escenario principal.
Outra novidade para esta edición serán os Cantos tradicionais, populares e de taberna que terán lugar o sábado 3, entre as 12h. e as 15h., por 12 bares de Moaña. Os grupos convidados son Maravallada de Pontevedra, Os Saljariteiros de Marín e Peis d’hos de Cangas.
🟩▶️ Programa Xornadas Etnográficas do Morrazo 2022
E como colofón final a estas Xornadas Etnográficas haberá unha gran Foliada en Bueu, o vindeiro sábado 10 de setembro, a partir das 21h. Previamente, ás 18:30h, María Faltri e Jorge Juncal deleitarán á rapazada máis nova cun concerto de música infantil, para dar paso posteriormente á Foliada infantil ás 20h.
Dende a organización denuncian as dificultades que tiveron nesta ocasión para a organización do evento, debido ao incremento dos custes das necesidades ténicas e a disminución no apoio por parte das institucións. Polo que, sinalan, “este é a edición das XEM con menos inversión económica e, polo tanto, menos recursos para poder levalas a cabo.”