A dobre medallista olímpica Maialen Chorreaut atópase entre os 230 padeeiros que tomarán a saída na primeira competición do ano do calendario nacional.
As augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, serán o escenario da 1ª Copa de España de Slalom Olímpico da tempada 2021, na que participarán os mellores deportistas a nivel nacional desta especialidade deportiva. A boa organización das probas de Copa de España das pasadas tempadas, fixo que a Real Federación Española de Piragüismo elixise Mondariz, como escenario da primeira competición nacional á que non faltará a campioa olímpica Maialen Chourraut.
A inscrición conta con 14 equipos e máis de 200 deportistas, os conxuntos galegos da modalidade son, o club anfitrión Tea de Mondariz, Piragüismo Penedo, Montaña Quixós, e Deportivo Miño. O cartel de participantes complétano padeeiros destacados como Luís Fernández do Club Deportivo Miño, Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez ambos do Penedo, que seguro realizarán un bo papel nesta primeira competición do ano.
A primeira saída da fin de semana será o sábado ás 10:30 horas coas primeiras clasificatorias para as semifinais, a competición concluirá o domingo sobre as 14:30 horas.
Por motivos sanitarios, será unha competición diferente, onde se realizarán test de antígenos aos participantes, árbitros e organización, así como controis de temperatura para todos os implicados na proba. Cada equipo participante terá unha zona asignada para a localización do seu material. A presenza de público non está permitida.