spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán proxecta a creación dun "Bosque Escola" no CEIP Carlos Casares

Nigrán proxecta a creación dun “Bosque Escola” no CEIP Carlos Casares

Nigrán proxecta a creación dun Bosque Escola no CEIP Carlos CasaresO obxectivo é integrar a parcela do ‘Souto Casares’ no propio patio do centro educativo mediante un proxecto de paisaxismo de ‘Sistema Lupo’, ferramenta didáctica que busca a aprendizaxe a través do xogo

O Concello de Nigrán consignará 7.000 € do orzamento municipal 2021 á redacción dun proxecto paisaxístico para crear un ‘Bosque-Escola’ no CEIP Carlos Casares aproveitando a parcela municipal ao su carón coñecida como ‘Souto Casares’. O deseño correrá a cargo do programa #Mestradeobra que o colectivo galego Sistema Lupo ven realizando en colexios públicos de Galicia e que a comunidade educativa de Vilariño ten como referencia ao defender o xogo como o mellor método de aprendizaxe. Sería este un dos primeiros centros de Galicia en poder mesturar nas súas propias instalacións a ensinanza convencional impartida nas aulas cos métodos educativos alternativos que plantexan as ‘escolas-bosque’.

“Trátase dunha petición de toda a comunidade educativa do colexio e estamos de acordo en que sería unha forma marabillosa de aproveitar esa tomada municipal en desuso”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a esta parcela de 2.000 metros cadrados lindeira ao colexio e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación na que participou todo o colexio e os dous fillos do escritor.

Actualmente o patio norte do colexio non ten un uso definido e linda con esta parcela municipal de monte tamén sen uso, da que está separada físicamente mediante muro e alambrada. “Agora sería dar un paso máis a nivel constructivo e educativo, trataríase de integrar a tomada no propio patio do centro educativo mediante un ambicioso proxecto de paisaxismo para facer un bosque do que o alumnado se beneficie”, explica González.

“O proxecto busca crear un bosque totalmente natural sen que se note que hai un traballo de deseño previo detrás, o obxectivo é que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así”, explica Fermín González, arquitecto  de #Mestradeobra en Sistema Lupo. Así, nunha visita ao souto co alcalde e a edil de Educación e representantes da comunidade educativa, explicou que a intención é aproveitar a gran cota de diferencia entre o patio e o cumio da parcela para crear diferentes sendeiros peonís entre árbores de especies autóctonas que desemboquen nun claro no bosque, que será onde permaneza o actual xogo de bolos celta. “Non existirán as actuais escaleiras, nen muros, nen ningún elemento de separación, seguiremos as propias regras da natureza”, subliña. Pola súa banda, a directora do centro considera que, precisamente, o feito de que se integre no colexio para o uso do alumnado  permitirá que a parcela se manteña sola “grazas ao propio tránsito dos rapaces”.

Escolas-Bosque

O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde  Pestalozzi a  Fröbel, pasando por  Rudolf  Steiner ou María  Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto  Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre. Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar neste colexio de Vilariño a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello defendemos este proxecto”, resume González.

- Publicidade -spot_img