spot_img
InicioPontevedra e ÁreaMedio Ambiente retira troncos e árbores caídas no río Gafos para evitar...

Medio Ambiente retira troncos e árbores caídas no río Gafos para evitar episodios de asolagamentos en Pontevedra

Medio Ambiente retira troncos e árbores caídas no río Gafos para evitar episodios de asolagamentos en PontevedraA Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, vén de rematar unha actuación de conservación fluvial no río Gafos ao seu paso polo Concello de Pontevedra. A importancia destas tarefas radica no feito de que se eliminan obstáculos do leito do río, evitando así posibles episodios de asologamento en caso de choivas intensas.

As tarefas consistiron na retirada de árbores caídas e troncos e ramas que provocaban atascos á altura do lugar do marco na parroquia de Tomeza. Tamén se procedeu á roza de determinadas zonas e á retirada de residuos urbanos localizados nas inmediacións. En total actuouse nun tramo de 50 metros de lonxitude e Augas de Galicia estima que o importe destes traballos se eleva a case de 5.000 euros.

Estas accións están enmarcadas no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia está a desenvolver.

Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
Grazas ao Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos e as actuacións de emerxencia en época de seca, -entre outros puntos- a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reduce de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles da Demarcación Galicia-Costa e evitar riscos de asolagamentos.

Coa nova normativa só será necesario que o particular ou administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia. Trátase dunha axilización fronte aos trámites actuais, que se traducen nunha duración de entre 4 e 6 meses por expediente. A día de hoxe, realizar este tipo de actuacións precisa unha presentación da solicitude, especificando o tramo e os traballos de limpeza, visita da gardería, informes técnicos e proposta-resolución.

A simplificación no procedemento fomenta a vontade para mellorar os leitos da Demarcación Galicia-Costa, xa que a actual xestión provocaba que os solicitantes perderan a motivación de levar a cabo esta mellora e acción de mantemento nos ríos.

 

- Publicidade -spot_img