spot_img
InicioBaixo MiñoMáis de 300 persoas participan no programa de compostaxe comunitario de Tomiño

Máis de 300 persoas participan no programa de compostaxe comunitario de Tomiño

mais-de-300-persoas-participan-no-programa-de-compostaxe-comunitario-de-tominoO Concello visitou as 133 vivendas acollidas ao plan individual no rural de compostaxe, e iniciará con Amigos da Terra, un curso de formación

Reducir o impacto ambiental á vez que se rebaixan os gastos asociados á recollida de lixo. Eses son os dous obxectivos polo que o Concello de Tomiño se sumou ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para a reciclaxe da materia orgánica e puxo en marcha dous compostoiros comunitarios nos núcleos do Seixo e de Goián cun grande éxito de aceptación: segundo os datos recollidos pola Concellería de Medio Ambiente ata o momento 312 persoas participan nesta iniciativa, 161 usuarios no Seixo e 151 en Goián.

Recollidas 35 toneladas de materia orgánica

Dende a súa posta en marcha, un total de 126 familias xa se anotaron no programa, 64 delas para o uso do compostoiro do Seixo (situado na rúa Gondomar, nunha pequena praza anexa ao Casino) e outras 62 en Goián (xunto á nova escola infantil).  Lévanse recollidas aproximadamente 35 toneladas de materia orgánica, que permitiron a obtención de 5 toneladas de compós, utilizado sobre todo no mantemento dos xardíns municipais.

Esta iniciativa enmarcase no programa da Concellaría de Medio Ambiente para diminuír a cantidade de lixo que vai ao colector verde e contempla ademais unha iniciativa para compostaxe individual no rural. “O que buscamos con este tipo de programas é reducir o impacto ambiental, evitando o transporte do lixo a Cerceda e a súa posterior incineración, e reducir os gastos asociados á recollida e tratamento destes residuos, que actualmente constitúen unha partida importante do orzamento municipal”, explica a concelleira María Xosé Vázquez.

Pero o Concello de Tomiño quere dar un paso máis e estender a reciclaxe de materias orgánicas recuperables, como restos de produtos hortícolas, vexetais ou de froitas, a todas as vivendas do municipio. Por este motivo, existen formularios para a inscrición destes compostadores situados no rural, tanto os que xa están facendo compostaxe por iniciativa propia, como persoas interesadas en comezar a compostar. Actualmente, figuran inscritos no programa como compostadores en activo 133 vivendas repartidas por todas as parroquias, sendo a de Tomiño a que máis compostoiros ten (37 vivendas) e San Salvador de Tebra o que menos (unha soa vivenda). A inscrición dos novos compostadores  comezou esta semana, figurando xa anotadas 30 vivendas.

“A materia orgánica é recuperable nun 80%. Os restos de hora e vexetais son perfectamente útiles, non son lixo, e serven para facer compós que logo se emprega como abono”, explica a concelleira. Por este motivo dende o departamento que dirixe María Xosé Vázquez téntase cambiar os hábitos da cidadanía e animar a todos a reciclar, en lugar de depositar todos os restos orgánicos nas bolsas de plástico que logo van ao contedor verde.

Para comprobar como se está a realizar a compostaxe por parte dos actuais compostadores, dúas técnicas do Concello de Tomiño visitaron cada unha das vivendas participantes para observar as características da pila no que os veciños e veciñas desbotaban, onde estaba situada, tipo de compostaxe realizado, etc. Ademais, tiveron en conta outra información, como se se contaba con árbores ornamentais ou froiteiras, animais e utilización do esterco dos mesmos, entre outros aspectos que puideran influír.

A través destas visitas comprobouse que a inmensa maioría dos participantes no programa fai compost á maneira tradicional, en pila, e que se teñen animais se desbota comida e restos de verdura e froita, así como céspede e follas, para realizar as súas camas e logo acumular o esterco para facer o compós ou abono.

Algúns usuarios empregan composteiros caseiros e moi poucos decántanse polos comerciais, coincidindo este perfil co de usuarios que usualmente viven en casas con fincas moi pequenas ou recollidas, que desbotan unicamente restos de comida e que non teñen animais domésticos.

Campaña de formación

O Concello de Tomiño e Amigos da Terra, iniciarán en breve unha campaña de formación en compostaxe, tanto para as persoas que xa o fan por iniciativa propia, como para aquelas que queiran comezar a realizalo nas súas vivendas. Este programa completarase coa entrega dun compostoiro (para os que o soliciten), dun manual de compostaxe e tres visitas de seguimento, así como coa axuda dunha técnica para resolver todas as dúbidas.

A concelleira delegada, María Xosé Vázquez, informa que as persoas interesadas en sumarse ao programa poden inscribirse, enchendo o formulario (http://tomino.gal/programa-de-compostaxe-domestica/); enviando un correo electrónico a claudia.lopez@tomino.gal ou ben,  chamando ao propio Concello (986 622 001/03).

A selección das persoas interesadas farase por orde de inscrición e cumprimento dos requisitos. De ser preciso, farase unha selección entre os inscritos. En caso de quedar alguén fóra habilitarase unha lista de agarda para a seguinte convocatoria.

 

- Publicidade -spot_img