Inicio Baixo Miño Eu Rural pon en marcha o proxecto ‘Creando Rural’, un concurso escolar...

Eu Rural pon en marcha o proxecto ‘Creando Rural’, un concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria

O certame, que foi presentado hoxe en Redondela, está aberto aos máis de 100 colexios públicos e privados de educación infantil e primaria dos 13 municipios que conforman o GDR 14

Difundir a Medida Leader “en todos os recunchos do territorio e que todo o mundo se entere de que se poden a optar a fondos para vivir e emprender no rural”. Ese é o obxectivo co que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14), acaba de poñer en marcha o proxecto ‘Creando Rural’, un concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos máis de 100 centros educativos públicos, concertados e privados dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

O concurso foi presentado este martes 3 de abril en Redondela pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen asegurou que a través de iniciativas como esta trátase de “facer ver que no rural tamén hai calidade de vida e que hai futuro”. González estivo acompañada neste acto polos tenentes de alcalde de Redondela, María del Carmen Amoedo e Miguel Ángel Álvarez; pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; así como os concelleiros Alfonso Ventín (Fornelos de Montes), José Ángel Bahamonde (Baiona), Julia Loureiro (Mos) e María Teresa París (Redondela).

Neste acto de presentación tamén participaron os nenos e nenas de 2º de primaria do CPR Plurilingüe Vigo, de Redondela, unha representación do público ao que vai dirixido este certame que quere “valorizar o medio rural” e “ver como é para os cativos e cativas vivir no rural, xa que seguro que nos achegan unha visión diferente”. “Esperamos que a través da ollada dos nenos e nenas poidamos ver as persoas adultas outro rural”, salientou a alcaldesa de Tomiño.

Un mural e un vídeo sobre o GDR 14

Dende este 3 de abril ata o vindeiro 17 de maio ás 14.00 horas, o alumnado de calquera clase de educación infantil e primaria poderá presentar os seus proxectos para participar nun concurso que busca achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural ás cativas e cativos. Todos aqueles grupos interesados en participar deberán facer unha inscrición previa na web creandorural.org ata o próximo 27 de abril.

O profesorado será o encargado de traballar na clase as sete unidades didácticas (sete para educación infantil e sete para primaria) a través das que os nenos e nenas aprenderán que é o GDR 14, que se busca con el o como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula completa poderá presentar un proxecto conxunto a concurso e o titor ou titora figurará como responsable.

No caso da categoría de educación infantil, o traballo a presentar será un mural creativo e de inspiración libre, mentres que as aulas de educación primaria deberán gravar un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será unha excursión dun día de duración á Granxa Escola O Kiriko para as dúas clases de educación infantil premiadas e outra ao centro de actividades na natureza FervenzAventura para os dous gañadores de primaria.

Dende o 19 ao 25 de maio abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste e que consideren que deben ser premiados. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outors dous premiados (un por categoría).

Os premiados serán publicados na web do proxecto (creandorural.org) o 28 de maio de 2018 e a entrega de premios terá lugar entre o 30 de maio e o 1 de xuño. Os nenos e nenas de educación infantil desfrutarán da súa excursión á granxa escola O Kiriko os días 4 e 6 de xuño e o alumnado de primaria irá a FervenzAventura o 8 de xuño.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies