spot_img
InicioVal MiñorGondomarZona Franca ve con interese a posible de ampliación do polígono da...

Zona Franca ve con interese a posible de ampliación do polígono da Pasaxe

O presidente da Asociación de Empresarios de Pasaxe e o alcalde de Gondomar reúnense en Zona Franca para analizar o estudo das posibilidades de participación do Consorcio no polígono gondomareño da Pasaxe

Estudar a posible participación do Consorcio na ampliación do polígono da Pasaxe é o tema que centrou a conversación mantida esta mañá entre a Delegada, Teresa Pedrosa, o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira e o presidente da asociación de empresarios Javier Díaz. Durante o encontro reiterouse que, como xa manifestara o Consorcio, para poder realizar esta ampliación de chan industrial, o paso previo imprescindible é a ordenación e legalización do polígono en cuestión. Sobre este punto, o Alcalde de Gondomar informou á Delegada que esta semana xa se aprobaron e enviaron ao BOP os estatutos da recentemente constituída Asociación de Cooperación dos empresarios do Polígono Industrial da Pasaxe co que “no prazo dun mes quedarán aprobados estes estatutos definitivamente, para ser aprobado polo pleno municipal o proxecto de urbanización, xa redactado, e o proxecto de reparcelamento e o de equidistribución de beneficios e cargas” que está elaboración.

Por parte do Consorcio incidiuse que se se consegue a legalización da superficie actual poderanse comezar os trámites formais para estudar esta ampliación que fará que o polígono chegue a ter 592.000 metros cadrados, ben situados e lindantes co municipio de Vigo. A primeira fase que acometerá o concello de Gondomar conxuntamente coa asociación de empresarios, é de 200.000 metros. Tanto o presidente dos empresarios como o alcalde solicitan ao Consorcio que analice a ordenación dos 392.000 metros restantes, parte dos cales xa están ocupados por industrias que no caso de que a operación vaia adiante deberán compartir as cargas desta ordenación para conseguir a legalización das súas instalacións.

A pesar de que non se obvia o feito de que a operación é complexa pola complicada orografía do lugar e por estar xa construído en gran parte, tanto a Delegada como técnicos do Consorcio ven con interese esta operación que dotaría á comarca dun necesario chan industrial para a instalación de novas empresas que xa manifestaron o seu interese por localizacións próximas ao núcleo vigués.

- Publicidade -spot_img