Máis de 1400 persoas participarán en Tui no Descenso Internacional e no Popular do Miño

Máis de 1400 persoas participarán en Tui no Descenso Internacional e no Popular do MiñoO río Miño será o protagonista o próximo sábado, 18 de agosto, en Tui coa celebración do 47º Descenso Internacional do Miño e o 8º Descenso Popular do Miño organizado polo Club Kayak Tudense Axuda Paramos, o Concello de Tui e a Federación Galega de Piragüismo. As dúas probas reunirán a máis de 1400 padeeiros batendo todo un récord de participación a catro días de que se peche a inscrición.  Será a primeira vez que se celebren co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Estes eventos foron presentados esta mañá na rúa Olímpicos Tudense, a carón do río,  onde estará a chegada dos dous descensos. O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinalou que esta declaración de Festa de Interese Turístico pon de relevo a importancia que a proba ten na cidade. Ao tempo expuxo que se trata dunha competición espectacular polo atractivo de natureza que presenta, e por combinar un descenso popular e o internacional.  Afirmou amais que dende o Concello entende que o Descenso é unha proba a potenciar.

No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, sinalando que o Concello sempre apoiará o descenso buscando maior atracción, e aludiu ao novo cariz que adquire a proba coa declaración de Festa de Interese Turístico Galego e reunindo a dimensión lúdica e a popular.

O presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña, foi o responsable de dar os datos técnicos das dúas probas. O Descenso Popular, que sairá ás 16h dende Caldelas, baterá récord de participación xa que até o momento hai 830 inscricións. Mentres no Internacional, cuxa saída será ás 18.30h dende terra en Salvaterra reunirá a 600 padeeiros.  Entre os favoritos á vitoria destacou a Amaia Osaba, que gañou en até 7 ocasións no Miño, que será unha dura rival para as padeeiros locais Tania Fernández e Ana Varela. No k2 está pendente de confirmar a participación do K2 do Tudense Emilio Llamedo e Pedro Vázquez, que se impuxeron no Sella na fin de semana. En c1 Manu Garrido é o favorito, e en k1 parte con opción Aaron Diéguez que terá coma rival a Franco Balboa.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, manifestou que o Descenso do Miño está marcado en vermello nas regatas da Liga Galega de Piragüismo pola súa importancia. Indicou que o Descenso do Miño supera ao Descenso do Sella en calidade, a nivel de barcos e de nomes de padeeiros que participan. Tamén deu conta do bo momento que rexistra este deporte con 4.500 licenzas deportivas este ano, e excelentes resultados citando coma exemplo que no Mundial haberá 17 galegos en modalidades olímpicas.

O xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, quen excusou a asistencia da secretaria xeral para o Deporte, e apuntou coma o 18 de agosto será un día grande para o piragüismo que vai pór a Tui no mapa unha vez máis, sendo un referente deportivo a nivel galego.

A deputada de Deportes, Chelo Besada, apuntou coma ao través do deporte se logran que se coñezan as vilas e cidades da provincia, coma acontecerá o próximo sábado 18 de agosto en Tui. Aludiu a importancia desta proba deportiva na que os participantes terán o pracer de descender polo río Miño.

Durante a xornada do sábado 18, e baixo o título de “Festa do Miño” están previstas outras actividades que serán presentadas este venres.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies