O deportista de Salceda de Caselas conseguiu este domingo a clasificación para disputar o Campionato de Europa que se disputará a mediados do mes de maio na cidade eslovaca de Liptovski. Luís no seu primeiro ano na categoría senior conseguiu a segunda posición por detrás do vasco Ander Elósegui que na olimpíada de Londres ocupou a cuarta posición, moi preto das medallas.
Na actualidade Luís Fernández que pertence ao Club Deportivo Os Teixugos atópase adestrando co equipo nacional na Seu de Urgell. As súas posibilidades de acudir á olimpíada pasan por gañar a medalla de Ouro no europeo de Maio, aínda que o máximo favorito para conseguir a praza é Elósegui, Fernández conta coa mocidade e as ganas suficientes que poden facer que o Slalom galego, conte por primeira vez na historia cun deportista olímpico.
O selectivo que se celebrou na localidade francesa de Pau trouxo máis éxitos para Galicia, o grupo de traballo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva dirixido polo adestrador vasco Ekhi Díez conseguiu uns bos resultados, clasificando a tres padeeiros para competir no Campionato do Mundo que se celebrará na cidade polaca de Cracovia entre os días 13 e 17 de Xullo deste ano.
Manuel Ochoa tamén do Deportivo Miño logrou clasificarse no k1 xuvenil, o seu compañeiro de equipo Brais Castro en C1 Xuvenil que gañaría a praza ao desempatar co outro galego Miguel Lorenzo do piragüismo Penedo, destacar que Miguel é da categoría cadete polo que se lle presenta un futuro moi prometedor, Ainhoa Lameiro do Piragüismo Penedo sería outra clasificada para remar o mundial no C1 xuvenil a pesar de que pertencer á categoría cadete.
Estes bos resultados son froito da aposta que fixo a Federación Galega no ano 2011 cando incluíu a modalidade de Slalon no centro de tecnificación de Pontevedra, despois de cinco anos ven os froitos dun gran traballo por parte do equipo técnico e do investimento neste proxecto.
Para poder acudir con garantías ás dúas competicións selectivas, o grupo de traballo do CGTD realizou dúas concentracións, a primeira no mes de Xaneiro en Pau e a segunda a finais de febreiro na Seu de Urgell todo iso financiado pola FEGAPI.




