Destacados ultrafondistas nacionais e internacionais tentarán completar este reto. Ao finalizar as tres travesías da ‘Triple Corona’, que se están disputando nas Rías Baixas entre 2015 e 2017, percorrerían un total de 57 quilómetros a nado
Baiona acollerá o próximo 17 de setembro a chegada da segunda proba da ‘Triple Corona Illas Atlánticas’, un reto de carácter competitivo que consiste en tres probas de natación cun percorrido total de 57 quilómetros que se disputan entre 2015 e 2017 en augas das Rías Baixas. Este evento deportivo, organizado pola empresa Atlantic Extrem Sports en colaboración co club Tumetapersonal, está a consolidarse como unha das citas máis importantes a nivel nacional e estranxeiro dentro do calendario de natación de augas abertas e que traerá a Galicia aos mellores nadadores de ultrafondo do momento.
A ‘Triple Corona Illas Atlánticas’. 57km a nado (www.triplecoronaillasatlanticas.com) consta de tres probas de natación de 13, 16 e 28 km de distancia -esta última unha das máis duras do continente europeo- que se disputarán nas rías de Pontevedra, Vigo e Arousa, entre 2015 e 2017. Cada unha das tres travesías sairá dunha illa do Parque Nacional: Ons, Cíes e Sálvora, respectivamente.
A primeira das tres probas, de 13 km, tivo lugar o pasado 5 de setembro entre a Illa de Ons e Sanxenxo cun total 135 participantes de toda España e Portugal. A segunda, en 2016, terá como punto de partida a praia de Rodas, nas Illas Cíes, e de chegada, a praia de Ribeira, en Baiona, con 16 km de percorrido. A última, a máis longa con 28 km, arrincará da Illa de Sálvora e terminará en Vilagarcía de Arousa, pasando pola Illa de Cortegada en 2017. A duración media desta última proba estará por encima das oito horas, o que pon de relevo a enorme esixencia desta travesía.
A travesía, entre a praia de Rodas nas Cíes e a praia de Ribeira, en Baiona, de 16 km, celebrarase o 17 de setembro de 2016
Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza naturalde as Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa.
No caso da edición de 2016, a organización fará unha homenaxe á Arribada da carabela Pinta á praia baionesa de Ribeira, á que chegou Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes coa noticia do descubrimento de América en 1493.
Preto de 150 nadadores de distintos puntos de España e o estranxeiro participarán na segunda proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona. O perfil medio do participante é o dun experimentado deportista que está afeito nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km), e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes en cada travesía.
A empresa galega Atlantic Extrem Sports e o club Tumepersonal son os organizadores da coñecida Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán, que este ano reuniu en Praia América a preto de 500 nadadores.





