A Presidenta provincial subliña que esta obra escultórica en pedra, réplica da moeda xacobea do século XII atopada en Adro Vello, “vai ser un atractivo máis para visitar a vila meca”
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde da vila, José Antonio Cacabelos, e do párroco de San Vicente do Grove, Juan Ventura Martínez, inaugurou hoxe a réplica da moeda xacobea do século XII atopada no xacemento de Adro Vello que vén de instalarse no xardín do atrio da Igrexa de San Vicente. A peza foi realizada polo alumnado da Escola de Cantería da institución provincial.
A peza que inaugurou a Presidenta provincial foi elaborada en granito silvestre galego e conta cun diámetro de 1,20 metros e cunha lenda na que se dá conta do significado da moeda xacobea, atopada na década dos 80 do século pasado. O lugar escollido para o seu emprazamento foi o xardín do atrio da Igrexa de San Vicente xa que este templo se atopa moi preto do xacemento de Adro Vello.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “hoxe é un dia moi importante porque a reprodución en pedra desta moeda vai quedar para sempre aquí e vai ser un motivo máis de atracción para San Vicente”. Silva considerou que o traballo feito pola Escola de Cantería é excepcional e demostra o “bo facer” dos nosos canteiros e das nosas canteiras, os e as mellores do mundo, “que neste intre están incluso a traballar no Capitolio de Washington, tras demostrar o seu bo facer na Catedral en Santiago ou na Sagrada Familia en Barcelona”.
Para a Carmela Silva “hoxe recordamos que a Traslatio se fixo o través das Rías Baixas, de O Grove, e celebramos que non queremos esquecer a nosa historia, porque un pobo que non recorda a súa historia non pode ter un bo futuro. Amais, tamén rendemos unha homenaxe aos veciños e veciñas de San Vicente que tanto o merecen, para que desfruten desta marabillosa xoia”.
Pola súa banda, José Antonio Cacabelos, subliñou que hoxe “estamos a dar un paso importante para recordar unha parte moi importante da nosa cultura vinculada ao paso de Santiago Apóstolo por San Vicente, polo Grove camiño de Compostela”. O alcalde agradeceu ao párroco de San Vicente polo seu impulso e traballo cara conseguir esta réplica e á Presidenta da Deputación “por ter feito súa esta iniciativa dos veciños e veciñas da parroquia”.
Por último, Juan Ventura, tamén quixo agradecer a implicación “máis alá do persoal” da Presidenta da Deputación “para este acontecemento”, do alcalde “que tamén dende o minuto un se comprometeu con esta iniciativa” e, por suposto, da Escola de Cantería “dos seus alumnos e alumnas e do seu profesorado”.
A moeda orixinal, de vellón (mestura de prata e cobre), amosa de perfil o corpo do Apóstolo Santiago en barca xunto a dúas figuras que serían dous dos seus discípulos que o trouxeron a Galicia. Ademais a peza orixinal, que foi emitida durante o reinado de Fernando II, conta coa inscrición “S IA COBI” (Sancti Iacobi).



