A Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals, impulsada polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, estará situada no Castelo de Soutomaior e servirá para promover a formación e o debate en materia de igualdade
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada delegada de igualdade, Isaura Abelairas, e pola Presidenta do Diario de Pontevedra, Blanca García Montenegro, inauguraron esta mañá a Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals, un proxecto pioneiro e innovador que dá resposta ó firme compromiso da institución provincial para impulsar a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes. Trátase do primeiro centro destas características en Galicia e un dos poucos en España, que nace coma un espazo para a formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade pero tamén coma un lugar de encontro para todas as persoas que traballan na loita contra a violencia machista e a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres.
A deputada delegada de igualdade, Isaura Abelairas, relatou como xurdiu o nacemento do servizo de igualdade “que, coa vontade, entusiasmo, implicación e compromiso das traballadoras deste servizo da Deputación de Pontevedra, impulsou o xurdimento da Escola de Igualdade como centro de intercambio de ideas e de debate”. Neste eido, Abelairas detallou que o principal obxectivo da Escola é “dotar ás mulleres de ferramentas e convertela nun lugar que permita mellorar o coñecemento e poder, cada día, ir dando un paso máis adiante en materia de igualdade”.
Pola súa banda, Blanca García Montenegro, a única muller presidenta dun medio de comunicación de Galicia, agradeceu o convite e enxalzou a figura de María Vinyals, “unha muller tan representativa para as mulleres, que tanto loitou polos nosos dereitos e que no seu tempo non foi recoñecida, por iso que a Escola de Igualdade da Deputación leve o nome da Marquesa de Ayerbe é renderlle unha homenaxe por todo o que desempeñou para impulsar a igualdade e os dereitos das mulleres”. Amais, e no que compete ó seu ámbito de traballo, García subliñou que na prensa escrita hai xa unha grande presenza feminina, con directoras de xornais en España, Europa e no mundo pero “aínda queda moito por facer”.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, encargada do peche da inauguración, destacou que “as mulleres temos que ser as protagonistas do noso propio desenvolvemento, da defensa da nosa posición no mundo, de que a loita pola igualdade, polo feminismo, sexa unha das máis importantes á que a sociedade se enfronta e que os homes nos acompañen nesta loita, a máis democrática que existe. Por iso hoxe é un día importante para Galicia e para a provincia de Pontevedra, porque grazas ó impulso de mulleres se constitúe unha Escola de Igualdade, a primeira da nosa comunidade”.
Silva tamén subliñou o desexo de que a Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals se converta nunha “escola viva, dinámica, de encontro e de debate, de reivindicación, unha escola que beba de todas as mulleres que ocupan espazos de dirección, de poder, pero tamén de todas as mulleres que dende a universidade están a traballar para facer posible que os conceptos de igualdade cheguen ó conxunto da cidadanía; e das mulleres que están a loitar cunha lacra terrible que é terrorismo, que é a loita contra a violencia machista”.
Na xornada están a participar preto de 200 mulleres que son referentes en diferentes campos, amais de prsoas pertencentes á Administración local, profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero e a mulleres electas da provincia.




