O goberno local do municipio colaborará coa Escola de Arquitectura de Galicia da Universidade da Coruña polo que preto de 120 alumnos desta institución académica desenvolverán a materia de proxectos, correspondente ao segundo ano de carreira, na localidade do Val Miñor.
Os docentes encargados de impartir a materia desprazáronse ata Gondomar para coñecer “in situ” os posibles proxectos sobre os que traballar e recoñeceron “querer traballar en Gondomar porque ten moitísimas posibilidades arquitectónicas e de desenvolvemento”.
Neste sentido explicaron ao alcalde da vila, Francisco Ferreira, o obxectivo da iniciativa que se podería desenvolver ao amparo dun convenio, e que pasaría polo feito de que os alumnos realicen os seus traballos centrados en dous ámbitos de actuación: no primeiro cuadrimestre, traballando sobre espazos naturais, e, nun segundo, centrando a actividade docente en núcleo urbano.
Ferreira mostrou “total disposición pola nosa banda a colaborar con proxectos que non só apostan polas novas xeracións, se non que van máis aló, por ser unha aposta clara a favor da formación e neste caso da recuperación da nosa contorna e a nosa historia”
Neste sentido expuxéronse na reunión distintas ideas sobre as que poder traballar a partir do próximo curso cos alumnos que cursen a materia: o antigo cinema do municipio, a contorna dos muíños ou a zona verde do Pazo do Conde de Gondomar son algunhas das ideas que se expuxeron.
“Queremos documentar o que fagamos, vimos investigar e podemos dicir que esa investigación é a calidade que impoñemos sempre no noso traballo”,afirmou Luís Muñoz, un dos docentes e coordinador da unidade de investigación “ Paisaxe, Arquitectura e Cidade” ( pARQc) , que lembrou que o resultado dos estudos que se realicen durante o curso publicaranse, tal e como se fixo en concellos como o de Sada, co que xa se colaborou.
Non descartan por outra banda a posibilidade de impartir seminarios concretos sobre a figura do arquitecto Xosé Bar Boo, arquitecto municipal no concello e referente do movemento moderno na arquitectura galega. A Cámara Agraria, a Praza de Abastos ou o antigo cinema son algúns dos exemplos do seu traballo.



