spot_img
InicioVal MiñorGondomarGondomar acolle unha exposición sobre a dimensión máis humana de Antón Alonso...

Gondomar acolle unha exposición sobre a dimensión máis humana de Antón Alonso Ríos

O auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle este sábado unha exposición sobre a dimensión máis humana de Antón Alonso Ríos.

Unha mostra coa que “chegar ao ser humano, á persoa que hai detrás desa figura mítica”. Así explica a súa comisaria, Natalia Jorge, como será a exposición sobre Antón Alonso Ríos que chega este sábado 17 de marzo ao auditorio Lois Tobío de Gondomar. “Búscase amosar outra dimensión de Alonso Ríos, descubrir á persoa que había detrás das súas publicacións, e desvelar ao público esas tres etapas polas que pasou e que tan ben reflexadas están en tres cadros que se poden ver na exposición: como mestre e a nivel político, como esmoleiro para escapar da represión franquista e xa maior, co seu fillo nas mans, a un nivel máis persoal”, salienta Jorge.

Organizada polo concello tomiñés, onde a mostra estivo aberta ao público o pasado mes de outubro, a exposición fai un percorrido polo periplo vital e a longa traxectoria do mestre, político e escritor silledense, que desenvolveu unha gran labor docente en Tomiño nos anos 30 do século pasado.

A mostra recrea unha aula da época, con mobles e instrumental orixinais, así como obxectos documentais cedidos pola Fundación Peirópolis de Estás. Ademais o público poderá atopar libros relacionados coa biblioteca persoal de Alonso Ríos durante a súa estadía en Bos Aires, todo cedido pola propia familia do autor. Nesta biblioteca o poderá atopar exemplares de filosofía, orixinais de publicacións súas ou a correspondencia enviada a Isaura Gómez Pérez, veciña de Tomiño, a quen escribiu dende 1975 atan o seu pasamento en 1980 e na que se reflicte o pensamento do autor nos anos posteriores á ditadura franquista.

Alonso Ríos foi un dos persoeiros máis destacados na historia galega do último século polo seu labor pedagóxico, político e pola súa implicación no movemento agrarista. A súa obra máis emblemática, ‘Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte’, trátase dunha obra descatalogada e moi demandada polo público.

A mostra, que poderá visitarse ata o 31 de marzo (de 16.00 a 20.00 horas), inaugurarase coa conferencia de Carlos Méixome, profesor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos, institución que garda documentos orixinais relativos á figura do Siñor Afranio, dende manuscritos orixinais do libro ata unha fotografía orixinal, a única existente deste personaxe, a correspondencia cruzada con Álvarez Blázquez e Alonso Ríos ou unha novela inédita mecanografada titulada ‘Nidia’.

 

- Publicidade -spot_img