spot_img
InicioVigo e áreaMosGastronomía, cultura, micoloxía e formación forestal nunha nova edición das Xornadas Micolóxicas...

Gastronomía, cultura, micoloxía e formación forestal nunha nova edición das Xornadas Micolóxicas de Mos

Gastronomía, cultura, micoloxía e formación forestal nunha nova edición das Xornadas Micolóxicas de MosOnte celebrouse o acto de presentación da XVI Edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos que tivo lugar no Bar Restaurante O Cruceiro xunto á Estrada Nacional 550, parroquia de Louredo

A presentación comezou ás 20.30 horas e contou coa asistencia, entre outros membros do equipo de goberno local, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, da experta micóloga Puri Lorenzo, representantes da Comunidade de Montes de Mos e da Fundación Pazo de Mos; e representantes dos cinco restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas 2019 que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 17 de novembro ás 12.00 horas e, a partir desa data e ó longo do resto do mes de novembro, nos propios restaurantes. Ditos pratos son por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte do anfitrión, O Cruceiro, setas salteadas con coello e fabas, tarta de queixo con sirope de setas e pudin de setas con froitas do bosque, por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas. Esta degustación estivo maridada con viños xentileza de Disgobe, que patrocina estas Xornadas.

As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hosteleiros; e a subvención da Xunta de Galicia.

A Gran Degustación do domingo 17 de novembro no contorno do Pazo de Mos estará complementada co IV micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas. De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuará o grupo Animar-T Animación que realizará o espectáculo de contacontos, A Casiña de Cartón.

Gastronomía, cultura, micoloxía e formación forestal nunha nova edición das Xornadas Micolóxicas de Mos

Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 11 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre o uso das nosas mediciñais (estudio sobre a flora forestal). O martes 12 de novembro Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, dará a conferencia titulada ‘Patrimonio e monte, oportunidades e xestión’. O mércores 13 Puri Lorenzo, bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego, ofrecerá a ponencia ‘Cogomelos tóxicos e intoxicacións’. O xoves 14 Hugo Fernández Rincón, falará sobre as Cantarelas e Trompetas nos montes galegos. E o venres 15 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.

Por último o sábado 16 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por dous monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.

- Publicidade -spot_img