Durante todo o mes de agosto pódese visitar na Galería Sargadelos de Baiona a exposición de escultura e pintura dos artistas Tino Canicoba e Irene Silva.
Comisariada por Marisa Codón, a mostra presenta unha escolma da produción máis recente de ambos artistas.
Por parte de Canicoba, o desbaste da madeira con motoserra, o xogo de cores e a materia prima, preséntasenos unha variedade de tipos humanos nos que o sentimento abrolla a través da expresión. En palabras de Méndez Ferrín, “debemos estar atentos a como el reforma a materia para proseguir, con maos intelixentes e xenerosas, o traballo de destrucción e edificación do universo.”
Por outra banda, a pintura de Irene Silva centra a atención na figura da muller. Cores planas, liñas que marcan a expresión e o movemento cun sinxelo trazo, permiten ao espectador compoñer a súa propia imaxe. Unha constante no seu traballo é a procura da esencia do fondo máis que a presenza da forma.



