spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona rende homenaxe a título póstumo ao músico Ricardo Gassent Castellano

Baiona rende homenaxe a título póstumo ao músico Ricardo Gassent Castellano

baiona-rende-homenaxe-titulo-postumo-ao-musico-ricardo-gassent-castellanoO Concello de Baiona homenaxeou este sábado a título póstumo ao músico Ricardo Gassent Castellano coa entrega a súa familia do Lazo de Honra, concedido pola Comisión de Honras e Distincións, nun emotivo acto celebrado no Salón de Plenos.

Falecido hai tan só unhas semanas, Ricardo Gassent residiu na rúa Carabela Pinta durante gran parte da súa vida e chegou a compoñer o pasodobre “Baiona A Real”, que posteriormente cedeu ao Concello e a todos os habitantes da Vila.

“Cada unha das súas composicións era un acto de amor polas persoas e no caso do pasodobre non foi unicamente pola humanización da rúa Carabela Pinta onde vivía, senón que foi tamén un acto de amor por Baiona e unha mostra do cariño que tiña por esta preciosa Vila”, afirmou o fillo de Gassent durante o seu discurso.

O Salón de Plenos de Baiona acolleu un acto no que participaron a viúva do músico e grande parte da súa familia, así como o alcalde, Ángel Rodal, membros da Corporación Municipal e os exrexedores Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade, Benigno Rodríguez Quintas e Manuel Vilar.

Visiblemente emocionada durante todo o acto, María del Carmen Balaguer recolleu de mans de Ángel Rodal o título de Lazo de Honra do Concello de Baiona para o seu marido. “As súas composicións estarán sempre na mente e nos corazóns de todos os baioneses”, asegurou Rodal.

Ricardo Gassent

Ricardo Gassent Castellano (Valencia, 1941). Profesor fundador da Orquestra Sinfónica de RTVE en 1965 e fundador da Orquestra de Cámara Madrid Berlín en 2005. Músico e compositor, é Premio Nacional, Lazo de la Orden de Isabel la Católica e Corbata de Alfonso X el Sabio. Residente na Vila, coa remodelación da Rúa Carabela Pinta no ano 2011 e  a posta en valor da antiga fonte das monxas así como a creación da Alameda, compón o pasodobre “Baiona A Real, 2011”, obra que decidiu doar ao Concello e a todos os baioneses.

- Publicidade -spot_img