spot_img
InicioBaixo MiñoFortalezas: un legado musical de nove centurias no cumio do Tude

Fortalezas: un legado musical de nove centurias no cumio do Tude

música no claustroAs pedras deste claustro gótico da catedral de Tui sobresaen pola súa capacidade acústica e o entorno propicio para os concertos de corte íntimo

A construción da catedral de Tui estivo deseñada no século XII. Pensada coa dobre función de templo e fortaleza. A súa historia está unida fortemente á do seu pobo por moitas ligazóns, a música é unha delas. E dende hai doce anos esta tradición está fornecida por un exquisito festival musical no verán, “Música no Claustro”. Nel danse cita músicos, artesáns, e diversos creativos nos eidos das artes. Este ano transcorreu do 3 ao 7 de agosto baixo o significativo lema “Fortalezas”, un termo que agocha un legado de nove centurias no cumio do Tude.

Programa. O recoñecido músico tudense Samuel Diz é o director creativo dende a súa cuarta edición. Teceu este ano unha programación que congregou entre outros o grupo Pres de Cambrai, que puxo en escena “O segredo do Pergamiño Vindel” coas cantigas de Martín Codax. A Irene Gómez, que enfeitizou o público coa execución dunha viola de gamba baixo o Cristo barroco do claustro . O acordeón do serbio Nicola Tanaskovic trouxo a profundidade relixiosa da compositora rusa de orixe tártara Sofia Gubaidulina e dialogou coa música española de diferentes compositores e épocas. Noirsev, dende Portugal creou unha fortaleza vibrante e electrónica, armada de instrumentos musicais singulares, incluso xoguetes. E o saxofonista malagueño Ernesto Aurignac abraiou cun dinámico concerto xunto coa Escola e Conservatorio Profesional de Música de Tui.

musica-no-claustro-regresa-a-catedral-de-tui-con-jazz-artesania-e-novos-talentos
O director do festival, Samuel Diz; no medio xunto ao cóengo emérito e mentor do evento, Ricardo García e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro;

Sostén Diz que a catedral é a protagonista principal do ciclo. Durante o festival centos de persoas concorren a visitala e os concertos e conferencias permiten coñecer en detalles diversos espazos dela ao colocalos como sede das mesmas: o claustro gótico, a Capela das reliquias de San Telmo, o xardín da catedral co seu ambigú , onde músicos, público  e organizadores gozan dun relaxante momento con bebidas e petiscos tralos concertos.

Obradoiros artesáns, xincanas infantís e conferencias completaron esta edición que congregou unha media de 250 persoas por concerto con picos de 350 e 400 segundo datos da organización. Cando inda non se apagaron os ecos, Samuel Diz confesa que xa leva meses traballando cara á  próxima. Xunto con Beatriz Fontán, encargada da produción, procuran involucrar as forzas vivas da cidade así como o sector empresarial neste evento que é capaz de deixar cun 95% de ocupación a hostalaría local durante o festival.

Novos tempos. Cun deseño moderno e dinámico, o ciclo pechou cunha enquisa de satisfacción ao público que tivo máis dun 99% de aprobación. A maioría das persoas recoñeceron que concorreron por recomendación  doutros asistentes. A maiores, este ciclo move case 45 persoas entre traballadores e voluntarios en cada edición.

Inda que con modestia Diz o define como un “festival pequeno”, é unha cita apetecida por moitos músicos polas peculiaridades sonoras deste espazo, a calidade do público e a gratificante convivencia que caracteriza eses días.

Conta Diz que o ciclo xurdiu como unha oportunidade para novos músicos de Tui. Agora é un evento internacional que esperta o interese informativo dos medios de comunicación e convida a milleiros de persoas a visitar esta fermosa fortaleza que inda custodia a ribeira norte do Río Miño.

- Publicidade -spot_img