O Simposium Internacional de Escultura do Miño conta na súa segunda edición con catro escultores internacionais que, dende o pasado día 23, dan forma ás súas obras en vivo, en contacto permanente coa xente que quere achegarse a coñecer o seu traballo.
Este ano a cita é en Vila Nova de Cerveira, fronte ao Baluarte de Santa Cruz, até o día 12 de outubro.
Os escultores seleccionados para esta segunda edición, todos de relevo internacional, son o colombiano Fernando Pinto, a búlgara, residente en Tomiño, Liliya Pobornikova, e os taiwaneses Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi. O tamén escultor luso Vítor Reis, coordina este 2º certame.
Todos eles crean as súas obras en grandes bloques de pedra, a maioría mármore, dos que van sacando formas , volumes e figuras insólitas que sorprenderán ao viandante.
É o caso de Fernando Pinto, de Colombia que logo de vivir máis dunha década entre Barcelona e Italia, voltou a súa Bogotá, onde reside na actualidade. A súa obra é unha das de maiores dimensións deste simposium. Bautizada coma “Puerta rosa”, mide 3,20m. de alto por 2,60m de ancho e 0,75m. de profundidade.
Segundo explica o propio autor, “esta obra simboliza la tierra y el hombre”. Influído pola radiestesia, o escultor pretende “marcar con su obra un sitio propicio para que la gente reflexione y vuelva a conectarse con la energía de la tierra”, comenta.
Outra das apostas deste ano é a parella de artistas taiwaneses Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi.
Ambos esculpen mármore blanco de considerables dimensións. Como tamén o fai Liliya Pobornikova, nada en Bulgaria e veciña de Tomiño dende hai anos.
Con carácter transfronteirizo, a iniciativa pretende desenvolver o intercambio intelectual e profesional entre os artistas participantes e o público, onde os escultores traballan ao aire libre nun espazo público, coa intención de que todos poidan apreciar a evolución das obras, interactuando directamente cos artistas.
Unha vez rematadas, as pezas serán situadas en lugares estratéxicos de ambas localidades, como se fixera xa na primeira edición, celebrada no ano 2014 no Espazo Fortaleza de Goián.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a intención dos gobernos fronteirizos de “achegar a arte á rúa”, tendo en conta que tanto Cerveira coma Tomiño, son terra de artistas e comparten un patrimonio común.




